Medio Rural e do Mar pon en valor o labor do GAC da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 3: Costa da Morte fixo balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e falou dos seus retos de cara ao período 2014/2020. Na xornada tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O encontro celebrouse esta tarde na Escola de Vela de Cabana de Bergantiños, cuxa adaptación foi subvencionada cun proxecto do GAC.

No anterior período a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros da Costa da Morte un total de 53 proxectos dos GAC por valor de 3.122.552,9 millóns de euros, que se destinaron a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio.

Estes fondos e os esforzos centrados na diversificación económica permitiron mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Na xornada presentáronse algunhas das experiencias locais que cumpriron con éxito estes obxectivos:

– Raz Surf Camp. Carballo. Primeiro campamento de surf en España, desde 1991 na praia de Razo.

– Mar de Caión. Iniciativa do Concello da Laracha para a conservación dos recursos mariños e o coidado do entorno natural da vila mariñeira de Caión mediante actividades de dinamización do turismo, da economía e do comercio local.

– A Pousada de Loló. Hotel mariñeiro a partir da rehabilitación dunha casa próxima ao peirao de Muxía, xestionado por unha familia de mariñeiros e que conta no seu restaurante cun innovador laboratorio de cociña para a experimentación gastronómica.

– Restaurante A Casa do Peixe. Unha mariscadora e percebeira, casada cun mariñeiro, creou este restaurante situado fronte á praia e o porto deportivo de Muxía. Especialízase nunha gastronomía baseada en produtos do mar locais. E funciona como espazo de divulgación sobre a cultura do mar de Muxía e a posta en valor do congrio seco.

Esta xornada forma parte dunha serie de encontros que se están levando a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Esta xornada final, que se celebrará no outono nunha data aínda por fixar, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.

14 de xullo de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.