publicidade hoxe

Carballo tramitou un total de 79 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo leva tramitado durante o que levamos de 2015 (con datos actualizados a 30 de xuño) un total de 79 novos expedientes de talas para a limpeza de soares urbanos e de parcelas rústicas en cumprimento da Ordenanza reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo, así como da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Destes expedientes, 43 correspóndense con soares situados no casco urbano, de acordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e 23 correspóndense con parcelas rústicas, de acordo coa aplicación da Lei. Ademais, 13 deles refírense a denuncias sobre vertedoiros incontrolados. Hai que mencionar que nos últimos tempos tense rexistrado un repunte de denuncias por parte do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) respecto de residuos depositados de forma ilegal, que son as que se reflicten nestes datos estatísticos. Respecto das execucións subsidiarias de limpeza, mentres que en todo o ano 2014 se rexistraron un total de 11, en 2015, despois de medio ano, xa se teñen rexistrado 13, con un notable incremento dende 2013, en que se tramitaran tan só 2. Nestes casos, poden impoñerse multas coercitivas e esíxelle aos donos o pago a posteriori dos labores realizados subsidiariamente polo Concello.

Tamén hai que mencionar que, na maioría dos casos, ante o primeiro aviso de execución por parte do Concello os donos ou donas dos soares acaban executando a limpeza polos seus propios medios e o Concello case nunca debe responsabilizarse da limpeza da parcela.Hai que lembrar que no caso dos soares do casco urbano, os propietarios teñen a obriga de manter as súas parcelas limpas e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas. No caso da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, o obxectivo é defender os montes ou terreos forestais fronte ao lume, así como protexer ás persoas e bens que puideran resultar afectados por eles. Para iso, os propietarios dos terreos deben cumprir unha distancia de seguridade entre as plantacións forestais e as vivendas, ademais de manter un perímetro de seguridade libre de maleza tamén arredor das vivendas. Naqueles casos en que os propietarios non asuman a limpeza dos soares ou fincas é cando pode abrirse un expediente -ben de oficio por parte do Concello, ben a instancias dunha reclamación- no que se inclúe unha orde de execución dos traballos, na que se fixarán todas as obras a realizar, así coma o prazo máximo para efectualas. Transcorrido o prazo concedido para dar cumprimento á orde de execución, o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria ou forzosa, mediante imposición de multas coercitivas e o pago dos traballos realizados.

O Concello prega aos veciños e veciñas que cumpran voluntariamente con esta normativa e agradece a colaboración da veciñanza para poder evitar a proliferación de terreos baleiros no interior dos núcleos urbanos que rompan coa continuidade construtiva; e no caso da Lei 3/2007, para colaborar na loita contra os lumes forestais. Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova a Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo.

1 de xullo de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.