A Xunta emite a aprobación definitiva parcial ao PXOM do concello de Coristanco
A Xunta de Galicia outorga a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Coristanco, na provincia da Coruña. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, ao alcalde de Coristanco, Amancio Lavandeira Suárez, durante unha xuntanza de traballo celebrada esta mañá en San Caetano, na que tamén estivo presente a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.
O novo planeamento substitúe ao Plan Xeral de ordenación Municipal de 2000, dotándose así o concello dunha ferramenta de ordenación do territorio. Este documento servirá como folla de ruta para posibilitar o desenvolvemento económico e social sustentable deste municipio nos vindeiros 16 anos.
Esta aprobación do PXOM queda condicionada á incorporación no documento dunha serie de correccións por parte do Concello de Coristanco. Unha vez introducidas estas concrecións, e tras a súa aprobación plenaria, o texto elevarase de novo ante a Consellería de Medio Ambiente para certificar a súa aprobación definitiva.
Tanto a conselleira de Medio Ambiente como a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ofreceron a súa colaboración técnica co fin de subsanar os pequenos detalles que debe correxir o Concello.
O PXOM recolle 217 asentamentos no rural, dos cales 121 son de tipo histórico ou tradicional e os 96 restantes sonde tipo común.
Neste documento predomina o solo rústico, que supón o 94,61% da superficie total do concello, facéndose especial fincapé nos espazos forestais e agropecuarios, un aspecto destacable tendo en conta que o sector primario é fundamental neste municipio.
Coordinación
Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mantivo varias reunións con representantes deste municipio así como co equipo redactor do PXOM para acadar a aprobación deste documento urbanístico. Neste sentido, dende a Xunta destácase a importancia da coordinación e colaboración entre as distintas Administracións á hora de introducir melloras nos concellos galegos.
O Goberno galego colabora de xeito técnico e financeiro cos municipios galegos para dotalos de planeamento urbanístico e no caso do Concello de Coristanco, a Xunta realizou un investimento de 140.000 euros en concepto de axuda para a redacción e tramitación do PXOM.