Agótanse os fondos iniciais do Plan Activamos da Deputación da Coruña e Abanca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña tivo hoxe coñecemento dos últimos datos actualizados relativos ao Plan Activamos posto en marcha pola institución provincial e Abanca en xullo de 2014 e polo que se poñía a disposición dos veciños, empresas e concellos unha serie de créditos brandos coas condicións máis vantaxosas do mercado.

Menos dun ano despois da firma do acordo, superáronse todas as expectativas ao concederse máis de 95 millóns de euros para financiar diferentes proxectos. Deles 60.410.435 euros xa están en mans dos solicitantes ao terse aprobado 2.109 préstamos. Deles, a inmensa maioría (1.967, o 92% do total) foron a parar a empresas e autónomos que chegaron aos 55,6 millóns de euros. Outro millón e medio foi para 136 familias, que puideron solicitar esta axuda para accións tan distintas coma a formación universitaria de grado e posgrao, a adquisición de equipamento tecnolóxico e conexión de banda ancha, obras para a mellora da accesibilidade na casa e de mellora enerxética, así coma a adquisición de vehículos eficientes.

Por último, outros 3,2 millóns de euros foron solicitados por corporacións locais e organismos autónomos tanto para levar a cabo inversións coma para as súas necesidades de circulante.

En trámite

Ademais dos créditos xa formalizados, están en trámite outros 872 por valor de 34.941.495 euros. De novo, a maioría para autónomos e empresas, 826 préstamos que equivalen a unha cuantía superior aos 30,4 millóns de euros. As familias solicitaron outros 41 por valor de 549.631 euros e as corporacións 5 de preto de catro millóns.

Tanto Abanca coma a Deputación xa mostraron a súa intención a renovar este convenio que xurdiu grazas á liquidación da débeda que tiña adquirida a institución provincial con este banco.

A corporación decidiu amortizar no seu momento o seu último préstamo por valor de 32 millóns de euros, a cambio de que ese diñeiro se puxera a disposición dos veciños da provincia a través dunha nova liña de crédito. Abanca non só aceptou a proposta, senón que duplicou esta partida. O Plan Activamos nacía con 72 millóns de euros sobre a mesa, que un ano despois ampliouse.

Melloras nas estradas de Carral e Ferrol

No pleno desta mañá tamén se aprobaron dúas actuacións comprendidas no Plan de Travesías do ano 2015 por valor de 554.899,83 euros.

A primeira delas consiste nas obras de reubanización da DP 1704 ao seu paso por Carral para incrementar a seguridade viaria. O tramo no que se intervirá transcorre en zona urbana, onde as beirarrúas existentes están deterioradas, con diferentes cotas respecto á calzada e sen anchura dabondo nalgúns puntos. Todo iso provoca a invasión da estrada por parte dos peóns, polo que se prevé unha remodelación completa para evitar esta acción.

Vaise aumentar tamén o ancho das beiravías naqueles tramos en que sexa necesario, á vez que se reforma a estrada para que resulte unha calzada de 7 metros de ancho con beirarrúas de dous a ambas marxes. Tamén se dotará a toda a estrada dunha nova capa de pavimento e bordos de formigón para delimitar a zona peonil.

O proxecto inclúe tamén a canalización para a futura instalación do alumeado público e a sinalización do tramo co pintado da estrada. O orzamento desta obra ascende a 290.082,99 euros.

Por outra banda, en Ferrol comezarase a construir unha travesía na DP 3612 de Aneiros a Cabana. O primeiro paso será levar a cabo a ampliación da plataforma para conseguir unha calzada de 7 metros e beiravías de 0,5 metros, creando ademáis beirarrúas de dous metros de ancho, así como zonas de aparcamento.

Entre as actuacións atópase a instalación de tubaxes para augas pluviais e fecais, así como a reposición dos servicios afectados. O custe da actuación alcanza os 264.816,84 euros.

26 de xuño de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.