O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro acolle unha mostra sobre a arte rupestre paleolítica ao aire libre
Baixo o título “El Arte de la Luz” o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, acolle desde hoxe unha mostra itinerante sobre a arte rupestre paleolítica ao aire libre da península ibérica. A exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 21 de xuño, ten como obxectivo fundamental o de dar a coñecer os sitios de arte rupestre prehistórico de Siega Verde (Salamanca) e Vale do Côa (Vila Nova de Foz Côa, Portugal), distribuídos a ambos lados da fronteira e incluídos na lista do Patrimonio Mundial.
Trátase dunha exposición itinerante que se enmarca na alianza e das redes xeradas entre os diferentes sitios con arte rupestre integrados no Itinerario Cultural do Consello de Europa Caminos de Arte Rupestre Prehistórico, do que forman parte máis de 120 dos principais sitios con arte rupestre do continente europeo, entre eles o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Está conformada por 15 paneis, no primeiro dos cales se amosa unha visión panorámica sobre o territorio no que se emprazan os paneis con gravados, e os outros revelan algúns dos máis salientables exemplos de cada unha das áreas arqueolóxicas.
A mostra é un extraordinario exemplo de cooperación internacional na investigación, promoción e difusión conxunta da máis antiga arte europea, entre diferentes administracións e organizacións situadas a ambos lados da fronteira entre España e Portugal. Iniciouse no Museo de Prehistoria de Cantabria (MUPAC) de Santander, logo foi exhibida no Centro de Arte Rupestre Tito Bustillo (Ribadesella, Asturias), e agora chega ao parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.
O conxunto rupestre, creado por grupos humanos de cazadores-recoletores, está integrado por miles de figuras, na súa maioría gravadas en afloramentos de xisto, nas que se representan figuras de animais –uros, cabalos, cervos e cabras-, signos abstractos e algunhas figuras antropomorfas. Tanto o estilo e as convencións empregadas na realización das figuras, como os resultados de escavacións arqueolóxicas realizadas nalgúns sitios, permiten definir unha cronoloxía que abrangue diferentes momentos do Paleolítico Superior. Xuntos constitúen unha testemuña excepcional das formas de vida, subsistencia e espiritualidade das sociedades que crearon a primeira arte da Humanidade.