publicidade hoxe

O Concello do Carballiño considera desproporcionada a indemnización solicitada polos demandantes do Hotel Rogelia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

O Concello do Carballiño manifestou ao TSX a súa oposición á petición de 814.000 euros reclamados polos particulares que gañaron o contencioso que declarou ilegais os áticos do antigo Hotel Rogelia. Segundo o Concello esta petición (408.184 euros de gastos de avogados, 142.653,49 correspondentes a Procuradores, peritos e notarios, máis outros 263.390,14 en concepto de danos) resulta de xeito evidente desproporcionada xa que a contía do preito quedou no seu día fixada en 18.000 euros.

Ademais diso o Concello considera que o único dano que se pode indemnizar sería a perda de valor das vivendas dos particulares, e tendo en conta que o dano se fixou en 6.000 euros para cada un dos particulares pola non demolición da quinta planta, debería agora seguirse o mesmo criterio para indemnizar a  non demolición dos áticos, de forma que a indemnización, a xuízo do Concello, non debería superar dita cantidade.

Os particulares, a pesar das anteriores resolucións do TSX, esixen ao Concello que se lles indemnice co 15% do custo da demolición do antigo hotel Rogelia máis a perda de valor que supuxese aos propietarios do inmoble. 

O proceso comezou coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que obrigaba ao concello do Carballiño, gobernado nesa data polo socialista Carlos Montes, á derriba do sobrante de altura do 5º piso, a sexta planta formada por 6 áticos e todo a baixo cuberta, no que están 36 trasteiros do citado edificio. Tras coñecerse esa sentenza o anterior grupo de goberno municipal pediu a inexecutabilidade da mesma, e só se lle concedeu unha inexecutabilidade parcial, a que afectaba á 5ª planta, obrigando á derriba do resto. Nese momento xa se deu unha indemnización aos denunciantes de 18.000 euros.

O actual alcalde Argimiro Marnotes, nada máis iniciar o seu mandato, comezou o proceso ao que lle obrigaba o TSX, habilitando un orzamento, adxudicando o proxecto tal e como mandaba o Tribunal Galego, e realizando as inspeccións técnicas necesarias. De todos estes procesos foise informando ao TSX, co que se evitaron as multas que si recibiu o anterior grupo de goberno.

Foi precisamente con estes informes cando se comprobou que a derriba de parte do edificio deixaba ao mesmo fóra da actual normativa de seguridade, polo que se solicitou a inexecutabilidade desas obras, que finalmente concedeu o TSX.

Con todo iso Argimiro Marnotes consideraba que finalmente se resolveu de forma positiva este proceso “sobre todo tendo en conta que os veciños afectados por esta sentenza poderán estar tranquilos ao saber que non se vai a ter que derrubar o edificio onde habitan, que era o que máis nos importaba”. Así mesmo sinalaba o máximo edil que “as xestións realizadas desde alcaldía permitiron ao mesmo tempo aforrar unha cantidade máis que considerable de diñeiro ás arcas municipais”. En concreto uns 2,5 millóns de euros, que suporían máis dun cuarto do orzamento total do concello.

29 de maio de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.