A Deputación aproba un convenio co Concello de Pontevedra para actuacións nas estradas Pedra do Lagarto-Marcón e Mollabao-O Sixto e na ponte sobre o río Rons
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe un convenio co Concello de Pontevedra para executar varias actuacións viarias nas estradas Ponte do Lagarto-Marcón e Mollabao-O Sixto e na ponte da Gándara, sobre o río Rons. As dúas estradas foron transferidas en 2007 ó Concello de Pontevedra mediante un convenio que incluía a construción da nova ponte do Lérez e un total de nove estradas transferidas. O Concello obrigábase, en virtude deste convenio, á cesión do Edificio Administrativo (antiga sede de Educación) á Deputación.
Para a estrada Pedra do Lagarto-Marcón destínanse 184.645 euros. A vía, que ten unha lonxitude de 2,3 quilómetros, parte da estrada de San Mauro e entronca coa do Pino-Ponte Bora.
Na de Mollabao-O Sixto investiranse 241.605 euros. Esta estrada, cunha lonxitude de 1,7 quilómetros, une a antiga estrada Pontevedra-Marín con Xoán XXIII.
Finalmente, na ponte da Gándara investiranse 130.535 euros. A ponte sobre o río Rons, na Xunqueira de Alba, actualmente presenta no seu taboleiro un nivel de corrosión moi avanzado. Esta ponte utilízase moito para saír cara á estrada de Vilagarcía sen necesidade de ir ó nó de Bombeiros. Coa obra trátase de garantir a seguridade do tráfico rodado e de peóns, pois na actualidade a ponte só permite a circulación dun vehículo. O proxecto contempla, ademais da reconstrución da ponte, a instalación dun paso independente para peóns.











