publicidade hoxe

O salón de plenos de San Sadurniño acollerá a presentación do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Complexo xeolóxico do Cabo Ortegal abrangue un territorio de 582 km2, esparexido polos concellos de Ortigueira, As Somozas, Cariño, Cerdido, Moeche, Cedeira, Valdoviño e San Sadurniño. Esta formación xeolóxica caracterízase por ter rochas ultrabásicas, que son moi raras mesmo a nivel mundial, como é o caso do toelo ou pedra de Moeche, e que son obxecto de estudo por xeólogos e outros investigadores desde hai décadas. Para poñer en valor este recurso do noso territorio dándoo a coñecer e promovendo o seu aproveitamento turístico e económico, un grupo de investigación e profesional está impulsando a constitución dun Xeoparque no Complexo do Cabo Ortegal. A iniciativa preséntase este mércores a partir das 19.00h. no salón de plenos.

Os xeoparques son unha figura creada pola UNESCO que serve para dar recoñecemento mundial a un territorio que acubilla uns recursos xeolóxicos de especial singulariedade. En todo o mundo hai xa 111 xeoparques dos que 10 en España e 4 en Portugal.

De cara a explicar en que consiste un xeoparque e especificamente cal é o proxecto da candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, as entidades promotoras están a realizar unhas charlas polos concellos implicados nas que se pon de manifesto a importancia xeolóxica da zona e tamén de que maneira se pode vencellar co seu aproveitamento turístico e co desenvolvemento sostible da comarca. 

Cómpre ter en conta que as espectaculares formacións rochosas que hai na costa e no interior forman parte dunha base territorial na que agroma vexetación única, unha fauna diversa e unha importante actividade económica asociada á gandeiría, a agricultura e os servizos. Aspectos todos eles que, segundo reflicte o blog da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, “van máis alá da mera conservación e divulgación da riqueza xeolóxica dun territorio” xa que, segundo asegura esta web, “tan importante como isto será promover o desenvolvemento sostible da comarca”. 

E para alcanzar este obxectivo proponse “traballar en dúas direccións”. Dunha banda mediante un plan turístico que poña en valor a xeoloxía como atractivo para visitantes de todas as idades e, por outro lado, impulsando un plan de desenvolvemento local onde o turismo “sexa o escaparate que permita dar a coñecer moitos dos produtos da zona”.

Para dar a coñecer esta iniciativa, na que están implicadas entidades e profesionais, programáronse varias charlas polos concellos do ámbito que abranguería o xeoparque. Mesmo xa se fixeron algunhas actuacións, como as 7 xeorutas descritas por Francisco Canosa na guía xeolóxica publicada hai tan só uns días polo Concello de Cedeira.

28 de abril de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.