publicidade hoxe

O proxecto “Teño unha granxa en San Sadurniño” é seleccionados para a iniciativa CeMIT-Innova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec vén de seleccionar os 10 centros piloto da rede CeMIT que participarán no proxecto de Innovación Social Dixital, CeMIT-Innova. Este proxecto busca resolver retos locais ligados á educación, á saúde ou ao emprego, entre outros, a través de iniciativas cunha base tecnolóxica deseñadas pola cidadanía e axentes locais. O de San Sadurniño é un dos centros seleccionados coa proposta “Teño unha granxa en San Sadurniño” que busca por en valor o saber, a tradición e as posibilidades do medio rural implicando na creación audiovisual a mulleres maiores de 55 anos.

Ata o vindeiro mes de outubro, as aulas CeMIT de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus, converteranse en espazos de encontro para a análise das necesidades sociais da contorna e, xunto coa cidadanía e os colaboradores dixitais do territorio, establecer os mecanismos para a súa resposta a partir dun proxecto de Innovación Social Dixital.

Para iso, as aulas e os seus responsables contarán con ferramentas tecnolóxicas para o traballo colaborativo (Comunidade Google +, foro de debate para a conversación virtual, ferramenta ‘Hangout’ e páxina web do proxecto), ademais do acompañamento de expertos, que lles axudarán no deseño e posta en marcha dos proxectos. Todo iso a partir dun enfoque de traballo en rede que facilite a compartición de ideas e solucións entre as aulas e os implicados nos proxectos de Innovación Social Dixital en cada territorio.

Unha vez concluído o período dos traballos do proxecto CeMITInnova, no mes de outubro, os seus resultados servirán para a elaboración dunha guía metodolóxica coa avaliación das iniciativas e un manual uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en empregalas.

“Teño unha granxa en San Sadurniño”

A elección das aulas levouse a cabo entre as 20 solicitudes presentadas, que debían incluír unha proposta de proxecto de Innovación Social Dixital e ter participado no Encontro CeMIT-Innova, unha xornada para a Innovación Social Dixital, celebrado en Santiago o pasado 24 de marzo.

Desde o noso concello achegouse a idea “Teño unha granxa en San Sadurniño” coa intención de abordar o reto social da difusión do coñecemento e experiencia das mulleres maiores de 55 anos a través da tecnoloxía. Valores, consellos, tradicións… transmitidas valéndose do video con móbiles ou cámaras. 

Un avance do que se pretende xa o vimos no documental “Cruz Piñón”, realizado por Xisela Franco, no que esta veciña de Ferreira nos mostra e comenta móbil en man o que ten na súa horta. A idea é ir un pouco máis aló e que as mulleres filmen labores agrogandeiros que se fixeron toda a vida, facilitando trucos de todo tipo e, en último caso, ensinando como se fan algunhas cousas nas que as xeracións máis novas non reparan. Como e cando se botan os nabos, de que maneira se deben poñer as tomateiras, que tratamentos se lle deben dar ás fabas…, son só algunhas das posibilidades creativas que fundamentan o proxecto co que, ademais, se quere reivindicar o potencial do medio rural, o traballo agrario e as posibilidades de desenvolvemento sostible ligado á terra que existen en San Sadurniño

A iniciativa botará a andar nas próximas semanas e desde a Aula CeMIT estanse buscando persoas que se sumen a ela. Está pensada para entre 5 e 7 participantes e xa hai dúas que se ofreceron voluntarias para aprender primeiro e xerar contidos despois. O ideal sería que houbese representación de todas as parroquias e que no proxecto tamén se implique con cada muller algunha persoa máis nova. 

Quen queira formar parte de “Teño unha granxa en San Sadurniño” só ten que contactar coa responsable da aula, Carmen Suárez, ben pasando polo primeiro andar da Casa da Cultura, mandando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es ou ben chamándoa directamente ao 616.016.793.

Aula itinerante

Carmen Suárez lémbranos tamén que a próxima semana comezan en Lamas as aulas itinerantes de informática e internet. Os cursos centraranse nunha introdución ao ordenador e a navegación pola rede, os trámites máis habituais que se poden facer por internet e tamén na fotografía dixital. O curso de Lamas arrancará o luns con dous grupos e aínda hai algunha praza vacante.

Aquelas entidades veciñais que desexen programar unha actividade deste tipo na súa parroquia só deben comunicarllo á responsable da aula e, se é posible, garantir un grupo mínimo de participantes. 

30 de abril de 2015 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.