publicidade hoxe

Asfedro ofrece un obradoiro sobre uso responsable de fármacos en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Juan Santalla é farmacéutico da Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro) e esta semana impartiu un interesante obradoiro para falar dos perigos da sobremedicación e do uso indebido de medicamentos. Nel participaron unha vintena de mulleres que aprenderon, entre outras cousas, que unha pastilla que lle pode ir ben a unha persoa pode ser letal para outra, que nunca se debe tomar nada sen prescrición médica ou sen consultalo na farmacia e que, aínda non tendo unha mala connotación social, os fármacos non deixan de ser drogas.

O obxectivo principal da charla foi alertar sobre o mal uso que se fai moitas veces da medicación e mesmo dos “produtos milagre” e fórmulas “naturais” que se poden adquirir en tendas e herboristerías. Santalla puxo un exemplo: “O gingseng é inofensivo, pero non podemos tomalo se estamos con Sintrom”. 

Porén, a parte inicial da sesión centrouse en explicar as diferencias entre os medicamentos -analxésicos, antibióticos, antiinflamatorios, ansiolíticos, antimicóticos, antihistamínicos etc.- que se van mesturando pouco a pouco nos botiquíns domésticos ata convertelos en pequenas sucursais farmacéuticas das que se tira para uso propio e incluso como minidispensario veciñal co habitual “a min faime moito ben”. Aí Asfedro é tallante. Nunca se lle debe recomendar un medicamento a ninguén, para iso están os médicos e médicas e, sempre, sempre, sempre “hai que ler os prospectos por longos que sexan”. 

Ademais, tamén temos que vixiar o que tomamos pola conta que nos ten. Ás veces un medicamento para unha doenza pode dificultar a detección doutra, pode ser que esteamos medicándonos para o que nos parece que temos cando en realidade padecemos outra cousa con síntomas semellantes… Por outra banda debemos ser conscientes de que case todos os fármacos teñen contraindicacións e o que amañan por un lado poden descompoñelo por outro sen que nos deamos conta. Un antibiótico para combater unha infección tras unha operación quizais nos traia como consecuencia unha diarrea por causa de que tamén nos acabe con grande parte da flora intestinal. E quen di fármacos di herbas e remedios naturais que aínda sendo iso, naturais, teñen propiedades e principios activos semellantes aos dos medicamentos. 

Entón, ¿que?. ¿Medicámonos ou non nos medicamos?. A resposta é complexa e os profesionais teñen que ver cada caso. Pero, pola nosa parte, hai que poñerlle sentido á cousa: non alongar os tratamentos innecesariamente, recorrer a eles baixo supervisión médica e só se son imprescindibles -fuxir da comodidade do “tomo isto e xa me pasa”-, non acumular medicinas e levar á farmacia as que sobren dun tratamento ou as caducadas, etc. Detrás destes consellos está a realidade de que o abuso de antibióticos acaba xerando resistencias que obrigan a aumentar as doses e, polo tanto, os efectos secundarios. 

Pero hai máis razóns. No caso dos tranquilizantes e outras “pastillas para durmir” ou dos “nervios”, só se deben administrar se non hai máis remedio. A maior parte das veces recéitanse polo resultado final inmediato sen que nós, principais interesados e interesadas, reparemos en que son drogas que nos poden crear, igual que outros medicamentos, unha dependencia seria co paso do tempo. Acudimos a ese tipo de fármacos pola rapidez do seu efecto cando, se cadra, abondaría cun simple cambio de hábitos. O exercicio, as comidas, eliminar da dieta os estimulantes, cultivar as relacións sociais ou evitar o estrés poden dar mellores resultados sen necesidade de tomar nada.

En maio, alimentación e diabetes

O obradoiro sobre uso responsable de fármacos non será o único relacionado coa saúde que se impartirá en San Sadurniño. O martes 12 de maio Soledad Herranz -enfermeira educadora no CHUAC- falaranos na Casa da Cultura sobre como mellorar a calidade de vida das persoas diabéticas. Esta actividade levarase a cabo en colaboración coa escola de Saúde para a Cidadanía e fará falla inscrición previa para garantir un mínimo de 10 persoas asistentes. Para apuntarse hai que chamar ao departamento de Servizos Sociais, 981 490 027 (Ext. 1)

24 de abril de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.