publicidade hoxe

San Sadurniño amplía os puntos de recollida para o programa de tratamento de aceites de cociña usados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A empresa Procesadora Gallega de Alimentos S.L. asinou un convenio co Concello para a recollida e tratamento de aceites usados provenientes de fritiduras. Trátase dun acordo mediante o que se acaban de instalar tres puntos de recollida nas zonas con máis concentración de poboación do territorio, concretamente no Outeiro, na avenida Marqués de Figueroa e tamén en Cornide. Ademais hai unha importante diferenza con respecto ao anterior sistema posto que nos novos colectores haberá que depositar o aceite en botellas ou recipientes de plástico en vez de baleiralo directamente. Por outra banda, o convenio tamén lles ofrece aos locais hostaleiros do municipio a posibilidade de que se lles retiren os aceites completamente de balde.

Os colectores son bos de recoñecer. Son metálicos, de cor gris escura e levan unha trapela na que deberemos botar só o aceite doméstico da cociña xa que o outro, o do coche, haberá que seguir levándoo ao Punto Limpo de Narón -situado no polígono do Río do Pozo- para que sexa tratado doutra maneira.

Aínda que os colectores son estancos, o aceite terá que ir metido en botellas ou garrafas plásticas perfectamente pechadas para evitar que se produzan derramamentos. Pola mesma razón non deben utilizarse botellas de vidro ou tarros de cristal, que poderían escachar ao botalos nestes depósitos, nin tampouco baleirar o aceite directamente. 

Os puntos de recollida están colocados en Cornide -no cruzamento da estrada de Ortigueira co Camiño da Vidueda-, no Outeiro -fronte ao supermercado- e na Avenida Marqués de Figueroa, na illa que hai ao lado da Casa da Cultura. 

O acordo suscrito coa empresa non ten custe económico nin para o Concello nin para as persoas usuarias, incluídos os locais hostaleiros de todo o municipio, aos que se lles ofrece a retirada gratuíta dos aceites proporcionándolles os recipientes en que deberán botalos e as certificacións correspondentes conforme están sendo recollidos por unha empresa xestora autorizada. Por iso, se hai algún bar, restaurante ou negocio con cociña que desexe sumarse á iniciativa só debe contactar co departamento municipal de Medio Ambiente chamando ao 981 490 027. 

Tanto a ampliación dos puntos de recollida como a oferta para a hostalaría “supoñen unha mellora no sistema de recollida e tratamento dos aceites de cociña”, tal e como lembrou a titular da área Mari Carme García. A concelleira lembrou a este respecto que o Concello continuará colaborando como ata agora co sistema de recollida implantado no CPI a través do seu programa ambiental, no que é o alumnado quen vai recollendo na casa o aceite en pequenos recipientes de plástico para despois centralizar no colexio a recollida. Ademais, parte desta materia emprégase en proxectos escolares como o relacionado coa súa caracterización como biodiésel -proxecto premiado o ano pasado pola Consellería de Educación- ou para a fabricación de xabóns.

10 de marzo de 2015 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.