publicidade hoxe

Programación municipal en San Sadurniño co gallo do Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de San Sadurniño ten programados varios eventos conmemorativos  que arrancan este sábado coa presentación da exposición “Miradas novas” na galería do pazo e que culminarán o día 28 cun acto central na Casa da Cultura. Porén, no territorio hai máis actividades para celebrar o día: o domingo á tarde haberá dúas obras de teatro en feminino, unha en San Sadurniño e outra en Lamas, e -ademais- as mulleres desta última parroquia son as encargadas este ano de organizar a cea de confraternidade das mulleres de toda a volta, para a que cumprirá apuntarse antes do 7 de marzo chamando aos teléfono 981 490 187 ou 981 490 025.

Este sábado 7 de marzo a partir das 18h, a galería da Casa do Concello acollerá a presentación da exposición fotográfica “Miradas novas”, protagonizada por imaxes captadas polas mulleres participantes na edición de 2014 dos obradoiros de memoria. 

Armadas con cadansúa cámara fotográfica e coa axuda inestimable do fotógrafo Gabriel Tizón, 23 mulleres de entre 56 e 88 anos metéronse na aventura de retratar o seu territorio desde unha óptica a medio camiño entre o documental e o creativo. A maioría delas nunca tiveran unha cámara nas mans, polo que as fotografías da exposición móstrannos o interesante exercicio de “mirar de novo” a vida cotiá. 

A iniciativa xurdiu dun obradoiro impartido por Tizón como actividade paralela dos obradoiros de memoria do ano pasado, nos que colaboraron o departamento municipal de Igualdade e a Aula CeMIT combinando os exercicios físicos e mentais coa fixación da memoria e da realidade colectiva a través da fotografía.

Son 23 instantáneas 30×40 que reflicten o a vida como postais naïf do territorio e da súa xente. Tendais con roupa abaneada polo vento, cans solitarios que desafían a cámara, composicións caprichosas de obxectos aparentemente insignificantes, retratos, mans curtidas polo tempo e o traballo, a paisaxe… todo ten cabida nestes pequenos fragmentos da realidade capturados rompendo o medo á tecnoloxía e co valor engadido da naturalidade visual.

A mostra irá acompañada dunha proxección a xeito de backstage ou como se fixo elaborada a partir de fotografías do proceso tomadas por Gabriel Tizón e pola responsable da Aula CeMIT, Carmen Suárez.

Raíñas
Por outra banda, o Concello ofrece o domingo a partir das 19.30 na Casa da Cultura a representación da obra “Raíñas” da compañía Oquetiqueiras. Trátase dunha comedia protagonizada por mulleres que non se conforman coa vida que a sociedade lles fai vivir e que buscan darlle un cambio mentres aproveitan para facer unha divertidísima crítica social.

Dirixida por Luís G. Ramos, “Raíñas” conta no seu elenco con Fernanda Martínez, María Polo e Eva Castro. A obra vai dirixida a público maior de 16 anos e a entrada é gratuíta.

O acto central, o sábado 28

O acto principal co gallo do Día Internacional da Muller trasladouse ao sábado 28 de marzo a partir das 18 horas na Casa da Cultura. Ese día proxectarase a curtametraxe producida pola realizadora Xisela Franco dentro do proxecto Chanfaina Lab e protagonizado pola veciña de Ferreira Cruz Piñón. A curta -titulada “Cruz Piñón”- será presentada pola autora e a protagonista. 

No mesmo acto tamén se proxectará o video “Mulleres”, froito do traballo da responsable da Aula CeMIT Carmen Suárez, que xuntou nun audiovisual as achegas fotográficas e faladas de 38 mulleres das diferentes parroquias. Nel ofrécese a súa visión sobre o San Sadurniño do pasado, mellor dito, do San Sadurniño das mulleres do pasado por medio dun relato acompañado de instantáneas daqueles tempos. Este proxecto tamén estivo enmarcado nunha colaboración da Aula CeMIT co programa municipal de Memoria Activa. 

O evento central do día da Muller pechará cunha “sorpresa musical” na que participarán todas as protagonistas destas iniciativas.

Cea da Muller e teatro en Lamas
O Día Internacional da Muller é unha data que tradicionalmente se celebrou entre o tecido asociativo da comarca cun encontro que, nesta ocasión, está convocado polas mulleres de Lamas. Para o sábado 14 de marzo organizan unha cea no restaurante Casa Becerra de Narón con música ao vivo. O menú está composto por tres pratos e sobremesa -copa de ensaladilla, pescada á cedeiresa, lacón asado con champiñóns e ensalada e, por último, torta-, ademais de viños, augas, refrescos, café e licores.

O prezo da cea é de 30 euros por persoa e a convocatoria lánzase tanto para mulleres a título individual como para aquelas agrupadas nas asociacións do territorio que queiran participar. Neste sentido, e para simplificar a loxística, as entidades que vaian en grupo deberán pagar ese mesmo día o importe total das asistentes da súa asociación.

As persoas e colectivos interesados na iniciativa deberán contactar con Ángela García no 981 490 187 ou con Carmen Couce no 981 490 025. A data límite para inscribirse é este sábado 7 de marzo.

En Lamas tamén teñen preparado un encontro para a tarde deste domingo relacionado coa conmemoración do 8 de marzo. A partir das 16.30h. a actriz Ana Hermida interpretará no local social da parroquia a obra “Miña casiña, meu lar” na que fai unha sátira da realidade da muller no seu fogar, reflectindo a crúa situación das mulleres maltratadas, a soidade e a explotación á que se ven sometidas tanto no traballo como no fogar. Trala obra a asociación de veciños servirá unha merenda para as persoas asistentes.

6 de marzo de 2015 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.