publicidade hoxe

Ferreira acolle unha nova charla sobre como loitar contra a avespa asiática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel de Goente continúan coa súa programación de charlas polas parroquias sobre como loitar contra a avespa velutina. A próxima -e última polo momento- celebrarase este venres no local social da Seara, en Ferreira, a partir das 19.00h e coa colaboración da asociación O Pico de Ferreira. Nestes momentos as raíñas fecundadas o ano pasado están saíndo da hibernación para formar novas colonias. Por iso é tan importante colocar trampas. De feito, outra entidade do territorio, O Castelo de Narahío, organizou para o xoves 2 de abril un obradoiro de construción de trampas que irá acompañado dunha saída para repartilas por distintos puntos da parroquia.

Nas charlas da Casa do Mel explícase como distinguir as velutinas das avespas do país e e como e tamén como funciona o seu ciclo vital. As raíñas marchan dos niños a finais do outono e hibernan ata febreiro-marzo. Cando espertan do seu letargo empezan a traballar para formar un niño primario que máis adiante, durante a primavera, abandonarán cun pequeno exército de obreiras coas que formarán a colonia definitiva.

Agora é o momento de previr o problema ou, polo menos, de frear no posible o seu avance. Cada raíña que se capture agora será un niño menos do que preocuparse máis adiante. Existen trampas e atraentes comerciais, pero quizais o máis sinxelo e eficaz é o que se fai cunha botella de plástico á que se lle coloca nun lateral o colo doutra botella máis pequena a xeito de funil. Dentro bótase un vaso ou vaso e medio de líquido atraente -que tamén se pode mercar en agrotendas- preparado nun 40% con viño branco, noutro 40% con cervexa negra e nun 20% cun zume de arandos ou un licor de froitas. Disque as trampas son aínda máis efectivas se se cobre a botella cun plástico de celofán amarelo.

Para evitar que as abellas, as avespas do país e outros insectos queden atrapados é necesario facerlle tamén na parte superior uns buratiños -tres ou catro- duns 5,5 mm de diámetro polos que poidan escapar mentres que as velutinas quedan dentro. En internet podemos atopar varios exemplos de trampas caseiras e na canle de youtube do Concello hai un video explicando paso a paso como facer unha. As trampas hai que baleiralas cada quince días e cun coador podemos reaproveitar o atraente. Aconséllase non lavar os recipientes e deixar dentro algunhas avespas mortas aboiando no líqueido.

Estes sinxelos dispositivos e a mestura que levan dentro son efectivos nesta época e só deben empregarse durante finais do inverno e na primavera preto de casas vellas, cabanas, árbores en flor ou á beira dos ríos e regatos. Durante o verán o seu efecto é mínimo porque a dieta da velutina cambia xa que necesita exclusivamente a proteína para alimentar as crías que consegue rapinando abellas e outros insectos . Outro momento ideal para colocar trampas é desde finais do verán e durante o outono e principios do inverno, cando as raíñas saen dos niños secundarios para iniciar o seu letargo.

A grandes trazos este é o contido da charla á que poderemos asistir na tarde deste venres 20 de marzo en Ferreira. A cita, convocada polo Concello, a Casa do Mel e a A.VV. O Pico de Ferreira, desenvolverase no local social da Seara a partir das 19.00h. Nela proxectarase o audiovisual producido polo Concello a finais do ano pasado e tamén se poderán ver exemplares de distintas avespas autóctonas para aprender a diferenzalas da asiática. A Casa do Mel mesmo mostrará un niño semellante ao retirado en Bardaos no mes de setembro e dará interesantes consellos preventivos dirixidos tanto a xente con abellas como á veciñanza en xeral.

Colocación de trampas en Naraío

A A.VV. O Castelo de Naraío programou para a mañá do xoves 2 de abril un obradoiro aberto a todas as idades no que se prepararán varias trampas seguindo as instrucións facilitadas pola Casa do Mel de Goente. 

O obradoiro desenvolverase a partir das 10 da mañá no local social da Veiga -ao pé do campo de fútbol- e as persoas que decidan sumarse á iniciativa só deberán traer unha botella de plástico grande coa tapa e outra máis pequena que pode vir sen ela. Quen a esqueza non debe preocuparse, xa que a asociación terá botellas dabondo. A entidade tamén se encarga de preparar o líquido atraente. 

Cara ás 11 da mañá haberá unha pequena ruta de colocación das trampas polas beiras do río Castro e, quen o prefira, poderá levar a trampa para poñela onde queira. Pola súa banda, a asociación de veciños fará unha distribución destes dispositivos por varios puntos do territorio que se xeoreferenciarán nun mapa para coñecer en base ás capturas o grao de incidencia da praga e as zonas potencialmente máis afectadas.

19 de marzo de 2015 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.