publicidade hoxe

Estudantes de 16 colexios aprenderán a obter seda no proxecto Enredando, Artesanía na escola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Enredando, Artesanía na escola

Enredando, Artesanía na escola

Un total de 16 colexios de toda Galicia aprenderán durante este trimestre a obter seda grazas ao proxecto Enredando, Artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e que ten por obxectivo achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.

O C.E.I.P. Oza dos Ríos foi hoxe o primeiro en acoller a segunda parte da unidade didáctica O Gremio da seda, na que o alumnado que xa participou anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda, coñecerá da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.

A actividade chegará nas próximas semanas a un total de 16 centros educativos de toda Galicia. Na provincia da Coruña celebrarase tamén no C.E.I.P. Francisco Vales Villamarín de Betanzos, no C.E.I.P. de Teixeiro en Curtis e no C.E.I.P. de Presaras de Vilasantar.

Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa posta en marcha tamén se retomará en próximas datas.

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e no que participaron xa máis de 15.000 alumnos desde a súa posta en marcha hai catro anos, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Tamén impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

16 de marzo de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.