publicidade hoxe

Comezan os obradoiros de memoria activa en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ferreira e San Sadurniño foron este martes as dúas parroquias onde se estreou a edición deste ano dos obradoiros de memoria activa organizados polo Concello. Neles inscribíronse case medio cento de persoas e a maioría delas son mulleres cunha media de idade duns 65-70 anos. Ata o mes de xuño asistirán cada quince días ás xuntanzas nas que, ademais de parolar, realizarán exercicios para manter a cabeza en forma. Se ben o ano pasado houbo como actividade paralela un curso de fotografía en colaboración coa Aula CeMIT, nesta ocasión o Concello e profesorado do CPI están preparando unha actividade que, de saír adiante, implicará a maiores e rapazada nun proxecto centrado nos xogos de toda a vida. 

Moitas veces asóciase a perda de memoria a unha cuestión de idade. Porén, non sempre ten por que ser así. O cerebro é un órgano vivo que se pode adestrar igual que calquera outra parte do corpo e cando xa temos uns aniños é moi aconsellable exercitalo con sinxelos exercicios. 

Iso é o que pretenden os obradoiros de memoria activa que imparte por quinto ano consecutivo a técnica municipal de Igualdade. Son encontros quincenais que se desenvolven en Ferreira e San Sadurniño os martes, en Santa Mariña do Monte e Naraío os mércores e en Lamas os xoves. Neles trabállase principalmente sobre a cognición, pero tamén sobre aqueles hábitos saudables que axudan a ter a mente en forma. Tal e como comenta unha das participantes da edición do ano pasado -que repite neste- “Falamos unhas coas outras e facemos exercicios. Sumamos, restamos, multiplicamos… ensínannos como acordarnos onde deixamos as cousas… a maneira de acordarnos dos nomes da xente. É parecido a unha escola e ás veces Verónica -a axente de Igualdade- tamén nos manda deberes para a casa”. 

O proxecto conta con finanzamento da Deputación da Coruña e para esta edición hai a idea de facer partícipes dos obradoiros aos nenos e nenas do colexio a través do proxecto Sansa Enreda, impulsado polo profesor de educación física de primaria Iván Montes. Trátase dunha iniciativa orientada á recuperación dos xogos e xoguetes tradicionais cunha finalidade educativa e de preservación do patrimonio que, neste caso, contaría coas participantes nos obradoiros de memoria como docentes de pequenas sesións introdutorias aos entretementos de antano, xa case esquecidos.

A proposta busca aproveitar o coñecemento que atesouran as persoas maiores ao tempo que se lles ofrece a posibilidade de se implicar nun proxecto dirixido á infancia. Desde o punto de vista educativo, Sansa Enreda pretende reivindicar o potencial dos divertimentos tradicionais como vehículo de aprendizaxe de valores e como maneira de que os nenos e nenas deixen a un lado consolas e móbiles para volver xogar de forma espontánea fóra da casa. Coma toda a vida.

Tempos para compartir

Por outra banda, o departamento de Igualdade informa de que aínda quedan prazas libres para o obradoiro de Tempos para compartir que terá lugar o próximo sábado a partir das 17.30h. na residencia de maiores SuaCasa. Alí Teresa Maceiras ensinaranos a dar os nosos primeiros pasos no mundo do ganchillo, unha actividade na que ela é unha auténtica experta tras máis de sete décadas manexando as agullas de forma primorosa.

Quen queira participar neste obradoiro -ou propoñer outros para máis adiante- debe contactar con Igualdade chamando ao 981 490 027 (ext. 1)

11 de marzo de 2015 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.