publicidade hoxe

Apertura do prazo de entrega de orixinais para o premio de poesía Gonzalo López Abente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

A Fundación Gonzalo López Abente e a Secretaría Xeral de Cultura  da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Univesitaria da Xunta de Galicia, convocan o III Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega. O premio terá una dotación de 2.000 €, máis unha peza escultórica conmemorativa e será publicada por Edicións Xerais de Galicia. O prazo de entrega de orixinais rematará o 27 de abril do 2015.

A Fundación Gonzalo López Abente quere con este premio contribuír a dar difusión ao autor muxián. Gonzalo López Abente naceu en Muxía en 1878 e morreu na mesma localidade en 1963. Foi un escritor esencial para a literatura e a cultura galega na primeira metade do século XX,  sirva como proba o que del dixo Vicente Risco: “López Abente é un clásico (…) un pouco rudo e como batido polo mar, porque é o seu un clasicismo atlántico…” Outros escritores que teñen loado a súa escrita foron, entre outros, Otero Pedrayo, Marinhas del Valle ou Sebastián Risco, e na actualidade un recoñecido abentiano é Méndez Ferrín. Entre os feitos que destacan na súa vida compre citar a súa participación activa nas Irmandades da Fala dende a súa fundación en 1916. Editado en 1918, o seu libro Alento da Raza foi un dos referentes da poesía patriótica. En 1922 formará, con Vicente Risco e Castelao a Irmandade Nacionalista Galega. En 1926 entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos. En 1931 apoia a constitución do Partido Galeguista, e no ano 36 participou en mitins a favor do Estatuto de Autonomía. Foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores de Galicia, que se constituíu en Compostela o 30 de marzo de 1936. En 1941 entra a formar parte da Real Academia Galega, e no acto de ingreso ten a valentía de ler o seu discurso en lingua galega, co título “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”.

Tamén é intención da Fundación contribuír á produción de  obra poética en lingua galega, que pasa, nestes tempos, por momentos moi difíciles, case de clandestinidade, por mor das escasas publicacións de poesía que se realizan, a pesar de ser este un xénero esencial para a cultura galega ao longo da súa historia, dende as épocas da lírica medieval, pasando pola etapa do Rexurdimento, e incluso a día de hoxe, como xénero máis representativo da literatura galega internacionalmente, sen que isto teña un xusto reflexo no eido editorial.

19 de marzo de 2015 | 11:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.