A Deputación da Coruña achegará 500.000 euros á reforma do mercado de Pontedeume
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá un acordo de colaboración co alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a través do cal se investirán 1,6 millóns de euros na reforma do mercado do municipio.
“Era un compromiso que tiñamos adquirido hai tempo co alcalde, non deixamos de traballar, vivimos en primeira persoa todas as tensións, e agora podemos demostrar a todos os veciños de Pontedeume que o compromiso era firme”, declarou Calvo.
A Deputación facilitará máis de 500.000 euros a esta obra, que permitirá contar cunha nova praza de abastos en perfectas condicións. Esta achega súmase a outras anteriores realizadas desde a institución provincial, como foron os 173.000 euros para arranxar a cuberta do edificio ou os 140.000 euros para obras de acondicionamento do mercado provisional nas lonxas de Raxoi.
“Todo, para conseguir que un dos emblemas de Pontedeume saíra adiante”, explicou Calvo, en presenza do alcalde, que agradeceu a contribución das dúas administracións con este proxecto tan esperado.
Está previsto que os traballos comecen despois do verán para que as instalacións estean listas a finais do próximo ano.











