publicidade hoxe

San Sadurniño destina 87.500 euros a bolsas escolares e ao apoio das entidades do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas durante este 2015. Trátase dunha liña de axudas á que poderán acollerse as asociacións e clubes do territorio, así como as comisións de festas. Ademais, o Concello de San Sadurniño tamén abrirá mañá o prazo para solicitar as bolsas para estudos obrigatorios e postobrigatorios xunto coas referidas a colaborar coas familias nos custes da Escola Infantil Municipal. As entidades repartirán 23.500 euros, mentres que a bolsas se destinan 25.000, dos que 8.000 euros son para familias con nenos e nenas matriculados na EIM. Porén estas contías non serán as únicas das que se beneficiará o tecido social do municipio, posto que os orzamentos deste ano reservan 39.000 euros para convenios puntuais co C.F. San Sadurniño -18.000 euros-, co Aldebarán de Volei -15.000-, coa ANPA do CPI -4.000-, co Clube ciclista Biela e Chaveta -1.000- e coa AGFA do Eume, que recibirá outros 1.000 euros. En definitiva, 87.500 euros que levan a San Sadurniño “á cabeza dos concellos galegos que máis recursos dedican a educación e a apoiar as entidades do seu territorio en relación coa  poboación e co seu orzamento”, tal e como destacou o alcalde, Secundino García.

As bases para a concesión destas axudas están publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e poden descargarse en pdf ou ben consultalas directamente en html.

O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para conciliación ascende a 25.000 euros -5.000 máis que en 2014-, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia. Esta cantidade distribuirase en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso.

Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros. No primeiro caso a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de renda anual e só no caso en que estean escolarizados en San Sadurniño.

No segundo caso, o de estudos postobrigatorios, a renda familiar máxima está marcada en 18.000 euros/ano e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e, polo tanto, o alumnado ten que desprazarse fóra do concello. 

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos valoraranse os tramos de renda da unidade familiar -máis puntos canto menos renda-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.O prazo para solicitar as bolsas para estudos remata o 16 de marzo.

Axudas para familias usuarias da Escola Infantil

Por outra banda as axudas para servizos de conciliación este ano circunscríbense unicamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal. Contarán cunha reserva orzamentaria de 8.000 euros. Están dirixidas a familias cunha renda que non supere os 25.000 euros e que teñan os seus nenos ou nenas matriculadas actualmente no centro.

A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla, dependendo iso si do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia. Neste caso o prazo para presentar as solicitudes tamén será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP ou, dito doutro xeito, ata o 16 de marzo

Cultura e Deportes

No tocante a actividades culturais destinarase un montante total de 18.000 euros divididos en tres partidas: 13.000 para actividades, 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope máximo de 300 euros. 

As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data. 

Igual que o ano pasado, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Como novidade incorpórase a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

En referenza ás axudas para entidades hai que ter en conta que, a maiores, o Concello tamén reservou a través de convenios 4.000 euros para a ANPA do CPI e 1.000 para a AGFA do Eume, que xestiona a horta de froiteiras do país.

No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 5.500 euros, aínda que cómpre ter en conta que entidades como o Aldebarán de volei, o C.F. San Sadurniño e o Clube ciclista Biela e Chaveta percibirán en total outros 34.000 euros a través de convenios para o mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.). 

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais. Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida.

As axudas para Cultura e Deportes poderán solicitarse ata o 1de abril e a xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos que se pedise formalmente unha prórroga. As comisións de festas poderán facer a solicitude durante o ano, aínda que sempre con 30 días de antelación con respecto á festa que vaian organizar.

O alcalde, Secundino García, destacou o feito de que en San Sadurniño se vaian investir “máis de 87.000 euros en dinamizar o tecido asociativo e deportivo, ademais de dedicar unha importante cantidade dos recursos de todos e todas a apoiar as familias con fillos e fillas en idade escolar ou con matrícula na EIM”. A este respecto o rexedor local asegurou que o municipio “supera amplamente” neste apartado “aos concellos da contorna” e que San Sadurniño “está á cabeza dos concellos galegos que máis recursos dedican a educación e a apoiar as entidades do seu territorio en relación coa súa poboación e co seu orzamento, por non dicir no posto número un.”

24 de febreiro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.