A Ximnástica gaña o campionato de Galicia de cross curto na clasificación global
Aínda que os rapaces non puideron reeditar o título do ano pasado, ao quedar terceiros; o segundo posto das rapazas, deulle a vitoria á Sociedade Ximnástica, na clasificación global do Campionato Galego de campo a través curto, celebrado na localidade luguesa de Friol.
Os rapaces da Ximnástica nada puideron facer fronte ao New Balance, gañador masculino e o Pedro Nimo, dúas escuadras que soamente centran os seus esforzos no campo a través, mentres que a Sociedade Ximnástica se reparte coas competicións en pista.
A grata sorpresa foi a reaparición do equipo feminino da Ximnástica, que levaba anos cunha pobre participación, e que nesta ocasión se levou o segundo posto por escuadras, grazas sobre todo a Rocio Rodríguez, que entrou en meta na segunda posición.
Bos resultados dos atletas da Sociedade Ximnástica en Ourense e Coruña
Celebráronse durante o fin de semana algunhas competicións atléticas en pista que serviron aos atletas da Sociedade Ximnástica, para mellorar a súa marca da tempada.
No módulo cuberto de Ourense, Sandra Carballo gañou a lonxitude con 5.03 e Esperanza Caldas foi segunda; ambas as dúas tamén conseguiron bos resultados noutras probas, sendo Sandra segundo nos 60 metros valos e Esperanza primeira nos 60 metros lisos con 8.07; Emma Casas foi terceira no triplo salto con 10,18.
En canto aos rapaces destacar a Alexandre Solla que gañou os valos altos e foi terceiro nos 60 metros lisos e Pablo Tojal que foi terceiro nos valos cadete. En Coruña, o xuvenil Ángel Vargas volveu baixar dos 51 segundos nos 400 metros con 50.42; mentres que Víctor Gallego non se sentiu a gusto no círculo de lanzamento de peso do Estadio Universitario, gañando cuns discretos 16,24.











