publicidade hoxe

A Xunta comeza a elaboración dunha nova estratexia de educación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Xunta de Galicia aposta por iniciar unha nova etapa na educación ambiental, polo que traballa nunha nova estratexia de educación ambiental para incrementar a concienciación cidadá sobre a importancia dos valores naturais. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que esta tarde presidiu a reunión constitutiva do Observatorio Galego de Educación Ambiental, onde sinalou que este xogará un papel clave ao estar representadas administracións, institucións e asociacións que suman talento e coñecemento para facer de Galicia un territorio máis sustentable. Asemade, animou e invitou aos participantes a presentar achegas e traballar de xeito coordinado neste novo reto.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que esta nova ruta está xustificada no feito de que a paisaxe é o reflexo da sensibilización ambiental que ten unha sociedade, declarou. Engadiu que se trata de comprender a dinámica natural do territorio e ser unha peza máis do seu equilibrio. Remarcou que se trata dun aspecto que nova Lei do solo persigue, é dicir, vai un paso máis ao apostar por unha maior sensibilización e concienciación, no canto de quedar en meras accións de maquillaxe.

Ethel Vázquez sinalou que a Xunta de Galicia está a dar mostras do impulso extra na acción recente sobre á paisaxe, ademais do anteproxecto da nova Lei do solo, tamén levou a cabo unha revisión da Estratexia da Paisaxe de Galicia, que inclúe a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia.

A este traballo tamén hai que sumar as máis de 30 iniciativas de educación e sensibilización ambiental postas en marcha pola Consellería, que van dende a promoción da compostaxe doméstica ata o cambio climático, a promoción de mesturas bituminosas templadas, a difusión das 3 erres (reciclar, reutilizar e recuperar), e o traballo en escolas integradas no Plan Proxecta, que se desenvolven coa Consellería de Educación e con bos resultados.

Tamén recordou o traballo que se fai a prol do coidado do medio ambiente e da paisaxe a través de iniciativas como Proxecto Ríos, no que Adega xoga un papel clave; o Proxecto Terra, desenvolvido co Colexio de Arquitectos; ou programa Doce meses, doce paisaxes que, vén de recibir o recoñecemento de ‘boa práctica’ no premio internacional de Dubai convocado polas Nacións Unidas.

Por último, apelou á participación dos asistentes para traballar a prol da divulgación e promoción entre a sociedade de actitudes diarias sinxelas que repercutan nun mellor coidado da paisaxe e do medio ambiente, como a separación de residuos; ou no caso de decisións importantes que poden condicionar as vidas, como ónde construír unha casa ou que tipo de combustible empregar na caldeira.

Neste Observatorio Galego de Educación Ambiental están representados, ademais da Administración autonómica, a través de diferentes departamentos das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, diversas agrupacións ecoloxistas e expertos en educación ambiental.

2 de decembro de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.