publicidade hoxe

Unhas 200 persoas participaron nas II Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Demostración de coctelería

Demostración de coctelería

O presidente do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida rexistrada nas II Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que se desenvolveron o pasado fin de semana nas instalacións do Salón José Pena de Cambados. Showcookings, catas, demostracións e a presentación dun estudo inédito centraron a programación coa que se celebrou o 25 aniversario da CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Foron preto de 200 as persoas que durante todo o pasado fin de semana participaron nalgunha das actividades propostas e que tamén aproveitaron a ocasión para visitar o túnel das augardentes. Nel puideron degustar, de modo gratuíto, os produtos amparados polo Consello Regulador e que ofrecen todas as garantías de calidade e de orixe. Neste aspecto, José Antonio Feijoo, indicou que se cumpriron as expectativas” no que a asistentes se refire, algo que lles anima a seguir nesta liña “para o próximo ano” e consolidar esta cita en Cambados coas augardentes e licores.

“Todos os asistentes quedaron moi contentos coas actividades que se desenvolveron”, indica Feijoo. Unha das que maior éxito tivo entre os participantes foi o showcooking protagonizado polos chefs Francisco Castro (do Gran Hotel La Toja) e Mark Wernink (do Casino de La Toja), aos que se uniron os coñecementos e o bo facer nos cócteles de Ángel Caamiña. Unha combinación de profesionalidade e humor que levou a un showcooking en grao sumo ameno e moi adecuado á estación otoñal polo excelente uso de produtos e tonalidades típicos desta época.

Un cheo total (con 45 asistentes) rexistrouse o sábado co showcooking a cargo do chef Antonio Botana. A actividade tamén contou cos cócteles de Ángel Caamiña, que sorprendeu aos asistentes con propostas como a que combinou licor café e tiramisú, unha receita que maridaba á perfección coa sobremesa prevista para a ocasión (unha trufa de chocolate ao licor café).

Unha das grandes novidades desta segunda edición das Xornadas de Degustación e Maridaxe ofreceuse o domingo no pazo de Fefiñáns. Alí acudiron ao redor de 20 persoas para asistir a unha destilación tradicional en directo. Marisa Gil da Pena, da destilería Gil Armada, foi, neste caso, a encargada de explicar os distintos procesos que se deben completar para obter unha augardente de calidade e que cumpra todas as esixencias da normativa. Tamén se aproveitou a ocasión para mostrar aos asistentes o fermoso bosque situado neste enclave histórico en pleno corazón de Cambados.

A parte máis didáctica chegaría coas catas impartidas tanto o venres como o sábado pola destiladora e catadora Sonia Otero. A través das distintas mostras preparadas para a ocasión, os asistentes tiveron a oportunidade de apreciar as diferenzas entre os cheiros e sabores que evocan as augardentes. Do mesmo xeito, na xornada do día 15, mostráronse as claras diferenzas existentes entre un licor amparado polo Consello Regulador e un que non o está.

Neste sentido, José Antonio Feijoo asegura que estas xornadas tamén serven para “educar e concienciar” sobre a importancia de consumir produtos con todas as garantías. Ademais, “a xente que vén a estas xornadas descobre un mundo novo. En xeral, todos os asistentes quedaron moi satisfeitos, e eles van ser os prescriptores da nosa marca”, indica. Ademais dos veciños e foráneos inscritos aos talleres e showcookings, tamén acudiron a cítaa representantes do sector da alimentación ou mesmo varios profesores de escolas de hostalaría. Sobre estes últimos, Feijoo destacou a necesidade de que coñezan e achéguense a estes produtos, xa que “son eles os que van educar aos alumnos das súas escolas” na necesidade de perseguir a calidade dos produtos.

Tamén neste aspecto centrouse a inauguración das xornadas, o pasado venres, na que tamén se presentou o estudo inédito ‘Augardentes e licores de Galicia. Notas históricas’, de Mercedes Vázquez Bertomeu e Pilar Rodríguez Suárez. Con esta publicación, segundo indicaron as propias autoras, preténdese “coñecer o pasado para reivindicar a permanencia desta tradición non presente”.

Desde o Consello Regulador mostraron, así mesmo, o seu agradecemento aos alumnos do Obradoiro de Emprego de Hostalería do Salnés VI (da Lanzada) e da Escola de Hostalaría Carlos Oroza de Pontevedra, pola súa colaboración á hora tanto de elaborar os aperitivos cos que se acompañaron as augardentes e licores como de colaborar para servir os pratos e bebidas.

 

17 de novembro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.