Un total de 60 firmas apuntáronse xa ao Encontro entre Empresas e Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de sesenta empresas  formalizaron xa a súa inscrición no primeiro Encontro entre Empresas e Concellos que se celebrará en Expocoruña os días 26, 27 e 28 deste mes de novembro.

A falta de máis dunha semana para o inicio desta feira, cúmprense as primeiras previsións da Deputación da Coruña, promotora deste encontro, xa que estimaba a participación de arredor de 60 firmas nesta iniciativa pioneira, que nace como experiencia piloto pero, como dixo o titular provincial, Diego Calvo, “con vontade de medrar e de manterse no tempo”.  

O obxectivo desta feira “pioneira” en Galicia pasa por facilitar que os 93 municipios da provincia poidan coñecer os servizos existentes no mercado e as novidades que poñen á súa disposición diferentes empresas especializadas en diversos sectores, que a través deste foro poderán presentarlles aos concellos os seus produtos e servizos.

“Facémolo pensando sobre todo nos concellos menores de 20.000 habitantes que, por razóns orzamentarias ou incluso de situación xeográfica, non son quen de acceder a certos servizos innovadores, sobre todo no eido tecnolóxico”, declarou Calvo no momento en que se presentou este encontro promovido desde  a institución provincial.

O prezo por participar nesta feira é de 275 euros os tres días, asequible para que todas as empresas teñan a posibilidade de participar. Das firmas que xa formalizaron e confirmaron a súa inscrición, hai representación de todos os sectores, tales como formación, consultaría e xestión; servizos sociais e asistencias; enerxía e ambiente; turismo, ocio e cultura;  e transportes; novas tecnoloxías e innovación e todo o relacionado co medio rural, como pode ser a agricultura, a pesca, a caza, as podas, as talas ou os desbraves…

A entrada para o público será gratuíta, co obxectivo de facilitar que todas as persoas interesadas, desde o persoal  técnico municipais ata os propios alcaldes e alcaldesas, teñan a posibilidade de contratar, incluso de xeito mancomunado, diferentes servizos empresariais aos que a diario non teñen acceso.

Ademais dos postos que se instalarán no recinto feiral, de libre acceso para todos os que o desexen, as xornadas completaranse cun networking, mesas redondas e un calendario de presentacións para as empresas que estean interesadas en presentar un produto concreto. 

17 de novembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.