Rey Varela presenta os cuartos presupostos municipais do seu mandato incidindo nas políticas de benestar social
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá o proxecto de Presupostos Xerais do Concello para o ano 2015, unha vez que o documento foi entregado hoxe aos grupos políticos para que realicen as súas achegas antes das súa aprobación en pleno. A intención do executivo local é aprobar antes de que remate o presente mes de novembro o documento contable co obxectivo de que entre en vigor co inicio de 2015.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o primeiro edil da cidade estivo acompañado do concelleiro responsable da Área de Economía e da voceira do Goberno Municipal, Alejandro Langtry Caínzos e Martina Aneiros Barros, respectivamente. Ao respecto das contas do vindeiro ano, Jose Manuel Rey sinalou que estas poñen de manifesto que “temos un proxecto de cidade que ano a ano plasmamos en números; de que somos un goberno estable, austero e traballador que non gasta o que non ten e paga o que adebeda, cumpre coas súas obrigas de presentar todos os anos un orzamento e gasta cada vez menos en si mesmo para atender ás necesidades da cidade e dos ferroláns”, manifestou.
Así as cousas, o montante global do Presuposto de 2015 ascende a 53,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 0,28% en relación coas contas do exercicio actual, “o fácil sería subir máis o último presuposto do mandato pero non o facemos porque nos comprometemos a . non subir os impostos”, sinalou Jose Manuel Rey. Outra das principais cifras destacadas polo alcalde ferrolán é a redución da débeda municipal “que cando remate o ano 2015 baixará dos 30,7 millóns de euros que nos atopamos en 2011 a 25,8 millóns de euros”.
Ademais de reducir en 5 millóns o endebedamento das arcas públicas municipais en soamente un mandato, o Executivo de Jose Manuel Rey abonou os 12 millóns de euros de facturas pendentes de pago herdadas da xestión do cuadrienio pasado durante os dous primeiros exercicios económicos da súa xestión ao fronte da Administración ferrolá.
Evolución da débeda municipal a 31/12 de cada exercicio
Os Presupostos Xerais do Concello para 2015 tamén garanten o desenvolvemento das inversións previstas no proxecto de cidade “Ferrol2020” con 5,8 millóns de euros de fondos propios, sen necesidade de recorrer a endebedamento. A esta cifra sumaranse as achegas que se poden recibir por parte doutras administracións: Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Unión Europea. Ao fío disto, apuntou que xa se está a traballar nas novas liñas de financiamento europeas para o período 2015-2019. Neste sentido, Jose Manuel Rey destacou que ao longo do vindeiro ano “deixaremos sentadas as bases da transformación da cidade que levaba anos de retraso, así como as da súa recuperación para o futuro co novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)”.
Primeiro as persoas
O rexedor ferrolán resaltou que seguindo a senda dos últimos tres anos, o Presuposto Municipal para 2015 será o orzamento con maior inversión social da historia de Ferrol. Así, insistiu en que “somos conscientes de que a prioridade son as persoas, e máis aquelas que peor o están pasando”. En función desta encomenda de Jose Manuel Rey o novo documento económico do Concello reserva 6,38 millóns de euros para a Área de Benestar Social -5,1 de investimento en programas e políticas sociais e o resto para gastos de persoal-.
Esta cifra supón un incremento de 400.000 euros con respecto ao orzamento vixente e duplica o que se destinou a Benestar Social no último presuposto do mandato pasado. “As persoas seguen sendo a prioridade deste Goberno Municipal, e sobre todo aquelas que peor o están pasando como consecuencia da crise. Isto non son soamente palabras e boa vontade senón que é unha realidade que no caso das administracións se ten que ver exposta nos presupostos que se dedican a servizos sociais e políticas de benestar”, dixo Jose Manuel Rey.
Investimentos
O edil de Economía foi o encargado de detallar algúns investimentos e as partidas económicas máis salientables no ámbito de Benestar Social, No que atinxe ao capítulo de investimentos, Langtry Caínzos citou, entre outras: a recuperación do Cantón de Molíns, a rehabilitación dos xardíns de San Francisco e dos baixos da Costa de Mella, a reurbanización de diferentes rúas (Igrexa, Basanta, Maiola, Alegre…) ou a continuación da mellora do Parque Municipal Raíña Sofía e o remate das obras do Centro Cívico, para Persoas Maiores e a Infancia de Canido. E, en canto a Área de Benestar, o edil de Economía sinalou que se recollen, como novidade, partidas específicas para desenvolvemento do plan de accesibilidade (208.000 euros) e o programa de intervención socio-comunitaria de Recimmil (170.000 euros).
Pago de facturas
Langtry Caínzos tamén concretou outros aspectos do Presuposto de 2015, como o a redución nos prazos de pagamento a provedores pasando de dos 164 días no exercicio de 2012 aos 54 días no terceiro trimestre do presente ano.
Evolución do tempo de pago a provedores
E, por último, o concelleiro ferrolán comparou o investimento nas Áreas de Goberno en 2015 respecto do exercicio do 2014, indicando que se incrementaron todas elas agás Economía ao reducíronse os gastos destinados ao pago de intereses pola débeda.











