publicidade hoxe

Os alcaldes de Cervo e Xove participan nunha reunión sobre a protección fronte ao ébola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoXove
A-
A+

O Concello de Cervo informou hoxe das medidas de prevención e seguridade fronte ao virus do ébola que se están adoptando con motivo da importación de bauxita dende Guinea Conakry por parte de Alcoa. Un tema de especial transcendencia que se tratou nunha nova reunión de coordinación celebrada esta semana na fábrica á que asistiron os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares, e Xove, Demetrio Salgueiro. 

Unha xuntanza na que tamén estiveron presentes responsables do Porto  Ferrol-San Ciprián, da Autoridade Portuaria, da Consellería de Sanidade, da área de Sanidade da Delegación do Goberno, de Urxencias Galicia así como o responsable do Porto de Alcoa e os xefes do servizo médico, do de prevención, e de saúde e seguridade de Primario Europa.  

Neste encontro revisáronse todos os protocolos que se veñen aplicando  e que se reforzaron nos últimos meses. O Concello explica que as medidas de seguridade cúmprense “con máxima firmeza” durante todo o proceso, dende a súa extracción na mina, a carga, o transporte en barco e a descarga no porto de Alcoa en San Ciprián. 

Medidas “ríxidas” de prevención

O alcalde de Cervo transmitiu unha mensaxe de tranquilidade á poboación asegurando que “o risco cero non existe, pero as posibilidades de contaxio son extremadamente pequenas” debido a esas “ríxidas e estritas medidas de prevención” e á adopción dun sistema de “filtro sobre filtro”. 

As actuacións comezan no país de orixe, Guinea Conakry. Villares explicou que hai establecido un perímetro de seguridade no xacemento, de forma que todas as persoas que chegan á mina dende o exterior dese perímetro son controladas e postas en corentena para garantir as condicións de seguridade no seu interior. 

Hai que ter en conta que a rexión de Conakry, onde se atopan situadas as minas de bauxita, concentra o 40% do PIB total do país, que ademais é o primeiro exportador deste mineral do mundo e conta coa metade das reservas de bauxita de todo o planeta. 

As medidas tamén se aplican no porto, onde a carga de bauxita realízase de forma que o contacto da tripulación do barco co persoal do porto guineano reduciuse ata o mínimo necesario. Así, só un máximo de dous tripulantes que viaxarán coa mercancía ata Galicia poden saír do buque. 

Xa no interior o capitán da embarcación encárgase de tramitar todos os informes sobre o estado de saúde da tripulación, como é o caso dos certificados sanitarios que envía de forma periódica a Sanidade Exterior, dependente do Ministerio de Sanidade. Este departamento é ademais o que dá permiso para que a tripulación baixe a terra.  

Da mesma maneira, os protocolos tamén contemplan as medidas a adoptar nun hipotético e improbable caso de contaxio durante a travesía. Así, ante a mínima dúbida, esa persoa sospeitosa sería trasladada de forma directa e inmediata ao Hospital do Meixoeiro en Vigo, establecido pola Xunta como centro de referencia en Galicia para atender este tipo de casos.

Polo tanto, tal e como resalta o alcalde de Xove, “o protocolo activado é rigoroso, con numerosas administracións e entidades implicadas a través dos seus especialistas en prevención, que traballan de forma coordinada, e con múltiples filtros que fan moi difícil que exista un contaxio a través desta vía”. 

25 de outubro de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.