Un total de 47 entidades da provincia da Coruña benefícianse dos 1,7 millóns de Benestar ás entidades de inclusión
Un total de 47 entidades de inclusión social da Coruña benefícianse este ano da orde de axudas da Consellería de Traballo e Benestar destinada a este colectivo. Esta convocatoria supón o investimento neste exercicio de máis de 1,7 millóns de euros na provincia, un 15 por cento máis que o ano anterior. Ademais, unha gran parte das entidades da Coruña están a percibir unha contía maior que en 2013.
En concreto, das 47 entidades da provincia, 16 contan coa súa sede no concello da Coruña e suman unhas axudas de 800.000 euros, o que supón o 46% do total da provincia.
O fogar de Sor Eusebia na Coruña é unha das entidades que ve incrementada a súa axuda, neste caso, nun 141%. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta fundación e lembrou que esta orde de axudas incrementouse este ano para toda Galicia ata acadar os 3,7 millóns de euros. Trátase do segundo incremento consecutivo, tras o rexistrado en 2013, polo que nos dous últimos anos o financiamento desta convocatoria subiu nun 28 por cento, o que evidencia o “compromiso” do departamento autonómico coa inclusión social.
Dito esforzo permitiu incrementar o número de entidades con axuda ata as 117 en toda Galicia, un 11,4% máis que en 2013, ademais de que a maior parte das entidades perciben unha contía maior.
A conselleira explicou que a orde de entidades volve unir tres convocatorias nunha soa: albergues e comedores, programas de inclusión das entidades de iniciativa social; e programas para as persoas inmigrantes. Dita unificación permite maior axilidade na tramitación dos expedientes , ademais de converterse nun proceso máis claro e sinxelo.Este ano, como novidade, adiantouse un mes a publicación das axudas no DOG, “cumprindo unha demanda dos propios colectivos para facilitar os pagos”.
Beatriz Mato lembrou que, no caso dos albergues, comedores e centros de acollida, “este ano vólvese garantir que todas as instalacións de estas características reciban subvención, sempre que conten cunha autorización oficial da Xunta de Galicia, que soliciten a axuda e cumpran cos requisitos establecidos”.
Así mesmo, a titular de Benestar engadiu que esta orde “supón un novo paso na nosa atención e apoio ás persoas en risco de exclusión, así como o impulso para que poidan abandonar dita situación”, e dicir, unha inclusión activa, en consonancia coas políticas da Unión Europea na materia, no marco da Estratexia 2020.
Lei de inclusión social
Na orde priorízase o financiamento de itinerarios sociolaborais para a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos co obxectivo de conseguir que a situación de risco non se cronifique. Este é o camiño marcado na Lei de Inclusión Social vinculada ao emprego, un marco legal aprobado o ano pasado e que articula unha nova Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) con tres tramos que incentivan o traxecto ata a inserción sociolaboral.
Ademais púxose en marcha por primeira vez en Galicia unha orde para a contratación de persoas que están a percibir a RISGA, dotada con 5 millóns de euros. Así como ano tras ano aumentase a partida destinada á inclusión. En 2014 están a destinarse 59,2 millóns de euros, un 13,6% máis que en 2013. Só para a RISGA hai orzados 42,7 millóns de euros, un 30% máis que o orzamento inicial de 2013.











