O grupo revelación Izal presenta o seu disco “Agujeros de gusano” no Auditorio de Ferrol
O grupo de pop-rock Izal subirase o vindeiro venres, día 26, a partir das 21:00 horas ao escenario do Auditorio de Ferrol para presentar o seu segundo álbum “Agujeros de Gusano”. O concerto forma parte do ciclo de música “Sons de Ferrol”, programado pola Concellería de Cultura, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. As entradas están xa a venda no despacho do Teatro Jofre e na páxina www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultural).
Izal nace en Madrid en 2010, cando cinco músicos cunha década de proxectos ás súas costas deciden embarcarse nesta formación, que inicia a súa traxectoria dun modo totalmente autoxestionado. Liderados por Mikel Izal, voz e compositor, buscan un son que mistura a calidade melódica e lírica. No seu primeiro ano de vida comezan un maratón de directos, chegando a facer 60 actuacións nas que logran vender todas as copias do seu primeiro EP autoeditado “Teletransporte”. Un dos puntos claves foi a súa inclusión no cartel do Sonorama, o festival de Aranda de Duero, referente da música independente española.
Salto a primeira liña musical
En marzo de 2012 publican o primeiro longa duración “Magia & Efectos Especiales”, esgotado aos poucos meses da súa edición, de novo autoxestionada e que os leva a unha intensa xira polas salas e festivais de todo o país que se prolonga durante todo o ano seguinte. É en 2013 cando reciben o galardón ao Mellor Grupo Revelación nos Premios da Música Independente, o recoñecemento da revista Rolling Stone e cando compoñen o que será o disco co que dan o salto definitivo á primeira liña musical. Neste año “Agujeros de Gusano” está supoñendo para Izal un aplauso unánime, con miles de copias vendidas e entradas esgotadas para os seus concertos.











