publicidade hoxe

Artesanía de Galicia impulsa un curso de especialización centrado na elaboración de contas de vidro en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza en Gondomar o curso de especialización para artesáns “Elaboración de contas de vidro con soprete”, unha acción formativa na que están a participar desde onte e ata o domingo un total de 15 alumnos. Esta iniciativa forma parte da programación de cursos de formación continua impulsada pola Xunta co obxectivo de proporcionarlle aos artesáns galegos formación técnica e especializada, potenciando así o talento galego.

A artesá Susana Pereira Armada é a encargada de impartir esta actividade, que completa a actividade formativa desenvolvida durante o mes de abril deste mesmo ano. Deste xeito, os alumnos realizarán contas de vidro e estudarán a elaboración de filamentos de vidro e filigranas, a decoración con esmaltes, pan de prata, ouro e cobre, ao tempo que poderán dar un paso máis na súa especialización e experimentar na elaboración de pezas máis complexas que as realizadas durante a primeira parte da formación.

A oferta formativa da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño para este ano 2014 completarase coa celebración de cinco actividades de especialización en coiro, encaixe, plumería e complementos de moda, que se celebrarán entre os meses de setembro e outubro en diferentes localidades galegas. Estas iniciativas completan a oferta formativa artesá deste ano, que incluíu outras 15 actividades relacionadas co centón, coa xoiería, co deseño e co proceso creativo ou coa atención ao cliente e o uso das redes sociais, entre as que destacan os cursos organizados xunto co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e os diferentes talleres celebrados en Agolada, no marco do III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do novo Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, presentado en abril deste ano.

Do 22 ao 27 de setembro o reputado deseñador belga Serkan Cura, especializado na técnica da plumería aplicada á alta costura, estará na Escola Mestre Mateo en Santiago de Compostela para impartir Técnicas de plumería para moda. O día 8 de outubro impartirase en Santiago de Compostela o curso Atención excelente ao cliente de xoiería a cargo de Eloy Gesto e de oito horas de duración. O artesán Vidal Revilla, pola súa parte, levará a cabo no seu taller de Cervo o curso Perfeccionamento da volumetría en coiro, os días 18, 19, 25 e 26 de outubro. Tamén nos meses de outubro e novembro terá lugar a actividade Complementos de moda: usos, visións e experiencias no que participarán destacados representantes do sector téxtil por separado, e de forma conxunta nunha mesa redonda que porá o broche final á actividade. Este curso, que se desenvolverá na sede da Fundación Luis Seoane da Coruña en datas aínda por confirmar, participarán os deseñadores de moda Nicolas Vaudelet e Asaad Awad, a empresa téxtil Peseta, así como Juan Gutiérrez e Lucina Llorente, conservador e responsable do Estudo dos Tecidos, respectivamente, no Museo do Traxe de Madrid. Sumado a estas actividades, Neda acollerá o curso Perfeccionamento de empeces e remates do encaixe, do 15 ao 19 de setembro, a cargo da artesá Alicia Sevilla.

9 de setembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.