publicidade hoxe

Ponte Caldelas mantén aberto o prazo de inscrición para a andaina arqueolóxica até a “Pedra do Cervo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas mantén aberto o prazo de inscrición para participar na Andaina Arqueolóxica que terá lugar o vindeiro venres 5 de setembro a partir das 18 horas, con saída na igrexa de Santa Baia e destino á Pedra do Cervo, situada nos montes de Cuñas. Esta actividade estará dirixida polo doutor en Historia Buenaventura Aparicio Casado quen guiará aos participantes no seu achegamento a unha das figuras máis emblemáticas do abundante patrimonio rupestre que atesoura o municipio de Ponte Caldelas.

Para participar nesta actividade, incluída tamén no programa das Festas das Dores, os interesados deberán inscribirse previamente, antes do 4 de setembro ás 14 horas, nas oficinas municipais do Concello de Ponte Caldelas.

Recentemente, o Concello de Ponte Caldelas instalou sinais indicativos da localización do petróglifo coñecido como “Pedra do Cervo”, no monte comunal de Pé da Múa, en Cuñas, para promocionar de forma adecuada a súa visita por parte daquelas persoas que queiran admirar unha das pezas máis emblemáticas da arte rupestre no municipio.

Simultaneamente, o Concello de Ponte Caldelas editou uns folletos explicativos das características deste emblemático gravado e que contan tamén cun esbozo e un mapa de localización para unha fácil localización por parte dos visitantes. Estes dípticos están a ser distribuídos desde a Oficina de Turismo quen aproveita a presenza de turistas para ofrecerlles a posibilidade de coñecer este petróglifo así como a área arqueolóxica de Tourón.

O petróglifo “Pedra do Cervo” foi obxecto hai uns meses dunha actuación de recuperación e posta en valor levada a cabo pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas que supuxo a limpeza do Petróglifo levada a cabo polo servizo de arqueoloxía da Institución provincial, e que culminou coa colocación, dun peche perimetral do espazo que rodea este gravado rupestre e un gran panel explicativo para unha mellor comprensión desta obra de arte pétrea.

A Pedra do Cervo é un petróglifo que, a pesar dos anos e a acción do home e a climatoloxía, mantense en perfecto estado de conservación e cunha moi boa definición que pode ser apreciada a primeira ollada polo visitante grazas aos traballos realizados polo Servizo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, que fan que este gravado rupestre se poida contemplar en toda a súa amplitude.

A “Pedra do Cervo” é unha das manifestacións máis singulares que existen na arte rupestre en Galicia posto que a precisión plástica da técnica empregada así como o seu gran tamaño (é unha das pezas de cervo máis grandes das que se conservan na Comunidade Autónoma) fana especial.

Para os expertos, a importancia desta pedra non só reside na beleza intrínseca do gravado e ao misticismo que transmite senón ao poder de captación da atención do que a contempla. Seguramente, tamén foi isto o que lle serviu de indulto ante a acción destrutiva dun canteiro anónimo que iniciou no seu día traballos de perforación na pedra, pero ao decatarse das graves consecuencias da súa actuación, decidiu cesar no seu empeño para que puidesen gozar deste cadro pétreo as xeracións futuras.

27 de agosto de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.