As actividades do Museo de Pontevedra céntranse na heráldica e arte con motivo da Feira Franca
O Museo de Pontevedra ofertará, do 1 ó 7 de setembro, diferentes actividades relacionadas coa heráldica e coa arte dos séculos XV e XVI, con motivo da celebración na cidade da Feira Franca.
A primeira das propostas permitiralle ó público coñecer a arte que se facía en Pontevedra nesta época a través de diferentes pezas expostas no Sexto Edificio.
Non será unha visita ó uso senón que terá un marcado carácter lúdico, xa que os participantes se atoparán no seu percorrido polo Museo cun trobador que os situará na Pontevedra da Feira Franca, alá pola segunda metade do século XV e no século XVI.
As explicacións do trobador levarán o visitante pola arte da época, cun percorrido pola primeira das salas do Sexto Edificio, na que se expoñen diferentes obras de arte relacionadas con Pontevedra e creadas nos anos nos que a cidade vivía momentos de esplendor e puxanza económica, coa Feira Franca como gran mercado libre.
Estas visitas desenvolveranse todos os días desde o 2 ó 5 de setembro, ás 19:00 h, e a participación nelas será libre e gratuíta.
Obradoiro e escola de heráldica
Os máis pequenos terán o seu espazo especial nun obradoiro de heráldica que terá lugar o 6 de setembro, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:30 h.
Nos soportais do edificio Fernández Flórez os nenos terán ocasión de coñecer a simboloxía dos seus apelidos e de crear o seu propio escudo heráldico.
Trátase dunha actividade que persegue familiarizar o público infantil co mundo da heráldica e co significado que no seu momento tivo. A través da ampla colección de escudos que ten o Museo achegarase tamén ó papel que xogaron estes escudos na identificación das principais liñaxes da nobreza galega.
Este mesmo día os maiores poderán tamén achegarse ó coñecemento da heráldica, con visitas teatralizadas ós diferentes edificios do Museo, para coñecer os escudos exteriores dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez, Fernández López e Sarmiento.
A visita será tamén aberta e desenvolverase en dúas sesións, unha ás 12:30 h e outra ás 18:30 h. O punto de encontro serán os soportais do edificio Fernández Flórez.











