publicidade hoxe

O goberno local de Neda levará o Plan Xeral de Urbanismo a comisión e pleno este mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, informou esta mañá do cronograma establecido polo Concello para a aprobación inicial do novo Plan Xeral de Urbanismo da real vila. Así, e despois de que no pasado mes de maio se celebrasen unhas xornadas de traballo en torno ao documento nas que tomaron parte os integrantes do Equipo Redactor e os membros da corporación grupo de goberno e oposición, o seguinte paso deuse estes días coa entrega aos grupos municipais do Plan. En formato dixital, poderán agora estudar en detalle o seu contido para, o próximo día 14 de xullo, dictaminalo na correspondente comisión informativa de Urbanismo.

Superado este trámite, Ignacio Cabezón Lorenzo apuntou que se convocará un pleno extraordinario na última quincena de mes para someter a aprobación inicial o documento. Nese momento, o plan pasaría a exposición pública para alegacións e, de forma paralela, o Concello requerirá entón os informes sectoriais das distintas administracións. O procedemento continuaría coa convocatoria dun novo pleno para a aprobación provisional do plan e, por último, a súa remisión á Xunta de Galicia, quen ten a última palabra sobre a aprobación definitiva das normas urbanísticas.

Neste contexto, o alcalde destaca que o Plan Xeral de Urbanismo elaborouse ao marxe de indicacións políticas e con criterios técnicos. En liñas xerais, o PXOM adapta o planeamento ao novo marco normativo a todas aquelas leis e normas que se foron aprobando nos últimos anos, como a nova Lei do Solo. Así mesmo, afianzaránse zonas de chan urbano, completándoo con áreas periurbanas que se foron engadindo ao tecido urbano a pesares de que na actualidade non teña esa calificación. Adáptanse os núcleos rurais ao novo marco normativo e establécense novas delimitacións dando solución á realidade existente (incorpóranse aos núcleos edificacións construídas en base á anterior Lei do Solo e que agora están fóra de ordeación). De igual xeito, téntase conectar os núcleos rural e urbano limítrofes (un todo continuo, evitando fracturas artificiais) e proxéctase unha bolsa de solo industrial de baixa densidade para dar solución a un problema puntual de Neda como é o estacionamento de vehículos pesados (unha flota duns 150 rexistrados) e a posible implantación de industria lixeira.

O documento pretende revisar e actualizar a relación de edificios catalogados, incorporando elementos menores. Nos actuais solos urbanizables facilítase o seu desenvolvemento ao tratalos como áreas de reparto e búscase solución ao solo sen clasificar. Ampliaránse as reservas de solo para uso dotacional e zonas verdes ata cumplir cos estándares da nova Lei do Solo (na actualidade, Neda conta cunha quinta parte do esixido) e adáptase o planeamento ás directrices da Lei do Litoral e ás Directrices de Ordenación do Territorio.

7 de xullo de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.