Ferrol incrementa a colaboración co centro O Mencer para programas de inclusión sociolaboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, ven de renovar o convenio para a realización de cursos de inclusión social no Centro O Mencer, que xestionan as Irmás Oblatas do Santísimo Redentor. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou hoxe o novo acordo de colaboración con esta entidade en que se incrementa a achega municipal até os 11.500 euros, fronte os 3.000 euros que o Centro “O Mencer” recibiu en 2011 e os 10.000 euros que lle corresponderon nos exercicios 2012 e 2013, xa no presente mandato.

O protocolo de colaboración asinado esta mañá entre o Concello e as Oblatas permite a continuidade de accións formativas para a inserción socio – laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade. Un dos cursos que se desenvolve neste centro é o de “Auxiliar socio-sanitario para a atención de persoas dependentes en institucións sociais”. O realizado no exercicio pasado tivo unha duración de 450 horas, das cales 80 responden a prácticas laborais en empresas do sector da comarca. Un total de 15 mulleres participaron nesta acción formativa onde adquiriron capacitación profesional e que tivo un porcentaxe de inserción laboral do 93,3 %.

Pero ademais deste curso formativo, o Centro O Mencer acolle outras accións para a mellora da empregabiliade das mulleres participantes, e a través das cales teñen conseguido 14 insercións laborais nos seguintes ámbitos de actividade: Empregada de fogar (7); auxiliar xerocultora (4); empresas de axuda a domicilio (2); e hostalería (1).

16 de xullo de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.