‘Diana (Centro I)’ da arxentina Alicia Candiani gaña o IX Premio de Arte Gráfico Jesús Núñez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Obra premiada

Obra premiada

O xurado  do Premio de Arte Gráfico Jesús Núñez vén de elixir como gañadora desta IX edición a Alicia Candiani polo seu traballo Diana (centro I) feita coa técnica de augaforte-fotolitografía-chinée collé-troqulado. A obra desta artista arxentina foi seleccionada, segundo se explica na acta, polo “equilibrio da imaxe que une o cartográfico co orgánico, xerando un misterio que cativou ao xurado, explorando conceptos referentes á identidade tanto dende o punto de vista do xénero como do xeopolítico”. Este premio que organiza a Deputación está dotado con 6.500 euros.

Ademais, outorgáronse dous accésits a “Masaur” (Maite Sánchez Urueña), de Madrid, por Music Inside 01 e a Carmen Jiménez Suero, de Badajoz, pola obra Diáfora,  que recibirán unha beca de formación nun curso do máster sobre obra gráfica que organiza a Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea) de Betanzos.

As obras das tres gañadoras pasarán a formar parte da exposición itinerante que organiza a Deputación, xunto a outros 27 traballos seleccionados polo xurado entre as 155 presentados. O xurado, que fallou o certame no CIEC, estivo presidido pola vicepresidenta provincial Mariel Padín e o, vogais foron: Jesús Núñez, artista plástico e presidente da Fundación CIEC; David Barro López, comisario, crítico e director da Fundación Luis Seoane; Nuria Blanco, directora da Galería MoretArt da Coruña; Marta García-Fajardo Palacios, directora da Colección de arte da Fundación Jove e o gañador da anterior edición, Luis Rosado Cordero.

Orixe

Ata 155 artistas participaron este ano no certame organizado pola Deputación procedentes de 25 países. Fóra de España os máis activos foron os mexicanos e arxentinos con 17 e 14 obras presentadas respectivamente. Séguelles Italia con 9 e Brasil, Chile e Cuba con 6, 5 e 4, respectivamente. Pero tamén hai participantes de países coma Canadá, Xapón, Costa de Marfil, Siria o Rumanía, entre outros.

En España a maioría de traballos proceden de Madrid (18) e Galicia (14), seguidos de Andalucía e Castilla e León con 8 participantes cada un. Dentro da nosa comunidade, a provincia de Pontevedra estivo representada con 7 artistas, mentres que A Coruña quedou con 4, Lugo con 2 e Ourense con 1.

24 de xullo de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.