Xesús Vázquez destaca o papel das bibliotecas nodais na Feira do Libro de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Xesús Vázquez durante a presentación

Xesús Vázquez durante a presentación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Pontevedra, onde salientou o reforzo que no 2014 se lle está a dar ao papel das bibliotecas nodais nestas citas. Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia animou aos centros de ensino a participar nas feiras, “un público cuxa presenza tamén nos propuxemos este ano reforzar, precisamente en casos coma este nos que coincide co calendario lectivo”.

Neste sentido, Xesús Vázquez explicou que a biblioteca Antonio Odriozola vai estar moi presente neste evento, cunha caseta na que vai por a disposición dos visitantes unha sala de lectura infantil, así como parte dos fondos da súa colección, e na que os visitantes poderán informarse sobre os servizos e actividades que ofrece e mesmo facerse socios. Asemade, a biblioteca ten preparadas varias actividades, como un club de lectura en galego ou o contacontos ‘Contos nas orellas’, a cargo de Beatriz Campos, para nenos a partir de 3 anos.

No que atinxe á participación dos centros, escolares, e no marco do Programa de Formación de Usuarios e Animación a Lectura da biblioteca Antonio Odriozola, celebraranse actividades de animación á lectura nas que xa está previsto que participen alumnas e alumnos do Colexio Inmaculada (Marín) e do CEIP Álvarez Limeses (Pontevedra).

Na rolda de prensa participaron, ademais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Nova aplicación

Ademais do agradecemento ao Concello de Pontevedra pola colaboración para a celebración deste evento, o conselleiro quixo salientar o traballo da Federación de Librarías de Galicia en prol da dinamización cultural, e felicitalos “por seren conscientes da necesidade de innovar, o que queda de manifesto coa nova aplicación para teléfonos e dispositivos móbiles que van lanzar nos próximos días sobre as Feiras do Libro”.

Trátase dunha aplicación na que se poderá acceder aos programas de actividades de cada unha das 12 Feiras do Libro e que estará a disposición de todos os interesados proximamente a través do código QR que poderá obterse no propio cartel das Feiras.

Calendario

O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará este ano a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará tamén este ano a participación do sector editorial do libro en catro feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México).

Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.

A primeira das citas do calendario en Galicia foi Santiago de Compostela. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte e antes percorrerán tamén as localidades de Pontevedra (6 a 11 de maio), de Lugo (13 a 18 de maio), de Vigo (23 de maio a 1 de xuño), de Ourense (3 a 8 de xuño), de Ferrol (11 a 15 de xuño), de Ribadeo (17 a 20 de xullo), de Rianxo (24 a 27 de xullo), da Coruña (1 a 10 de agosto), de Viveiro (14 a 17 de agosto) e de Foz (21 a 24 de agosto).

2 de maio de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.