publicidade hoxe

O cruceiro Le Boréal fai escala no porto de Brens, en Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+
Recepción dos pasaxeiros do cruceiro Le Boréal

Recepción dos pasaxeiros do cruceiro Le Boréal

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, xunto coa alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, asistiron esta mañá ao acto de recepción dos pasaxeiros do cruceiro Le Boréal, que fai escala no porto de Brens. No encontro tamén estiveron presentes os rexedores de Fisterra, José Manuel Traba, e de Corcubión, Francisco Javier Lema, así como representantes da consignataria Rubine e Hijos e de Ferroatlántica.

Procedente de Viana do Castelo e anteriormente de Lisboa e Porto, o barco de 142 metros de eslora, atracou ás sete da mañá no peirao desta localidade da Costa da Morte. Este buque, de bandeira francesa e 132 camarotes, leva a bordo uns 200 pasaxeiros de distintas nacionalidades aos que se suman 139 tripulantes.

Le Boréal, da naviera francesa Compaigne du Ponant, constitúe así o primeiro buque de pasaxeiros que chega a Brens, abrindo a posibilidade de implementar novos tráficos para as infraestruturas existentes e poñendo en valor a riqueza marítima e a tradición mariñeira galega.

Na súa intervención, Do Campo destacou o singular atractivo da Costa da Morte para a acollida de visitantes interesados na natureza, na gastronomía de calidade e na oferta cultural. Segundo dixo, a Costa da Morte conta con infinidade de recursos susceptibles de se converter en produtos turísticos e que dotan de gran potencialidade a un destino que traballa en prol do seu desenvolvemento turístico.
Ao tempo, a delegada territorial recalcou que a Costa da Morte conta con atractivos únicos que se converten en importantes polos de atracción para os viaxeiros que buscan destinos diferenciais. Turismo de Galicia e o xeodestino Costa da Morte están a traballar na creación e posta en valor turística do territorio e na dinamización da zona a nivel turístico e de potenciación dos seus recursos singulares.

“Coa chegada por primeira vez de cruceiristas ao peirao de Brens estanse abrindo as portas a un novo segmento de mercado e a un novo motor de desenvolvemento turístico nesta zona”, incidiu a máxima representante do Goberno galego na provincia, quen destacou a aposta que está a facer a Xunta de Galicia por potenciar a chegada de barcos de pasaxeiros ás nosas costas.

No ano 2013, máis de 333 mil pasaxeiros de cruceiros chegaron a Galicia. Galicia ten 129 portos con actividade pesqueira, comercial e náutico deportiva. En total, 39 portos contan con instalacións deportivas con servizos completos, cun total de 13.349 prazas.

Continuidade da actividade cruceirista

Pola súa banda, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, destacou a importancia desta nova vía de negocio portuario para o peirao de Brens e asegurou que o seu departamento está a manter os contactos necesarios con navieras e consignatarios para afianzar esta liña de actividade no porto ceense, no que conviven xa as actividades profesional e comercial.

Así mesmo, Durán Hermida mostrou a súa satisfacción ante as palabras do Capitán do buque, que reseñou as boas condicións de operatividade, atraque e amarre do porto de Brens para un buque das características de Le Boréal. Finalmente, o presidente de Portos remarcou tamén a boa acollida por parte da veciñanza ceense a esta actividade portuaria, afondando na liña de traballo do ente público para integrar os portos autonómicos nas vilas que os acollen.

7 de maio de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.