Centos de veciños referendaron o éxito da primeira noite en branco de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A primeira “Noite en branco da Magariños” foi todo un éxito, tanto de asistencia de público como da propia experiencia para os alumnos e alumnas da escola municipal de música Magariños de Brión. Así, centos de veciños e veciñas de Brión encheron ata os topes cada un dos cinco recintos nos que se desenvolveu a iniciativa: aulas 2 e 5 da escola de música, biblioteca municipal, sala municipal de exposicións e auditorio do centro social polivalente.

Unha orixinal idea que comezou ás 22:00 horas do pasado venres na aula 5 da ESMU Magariños cun concerto “Lento” e logo se trasladou á Biblioteca Pública Municipal de Brión. Alí os músicos executaron un concerto “Adagio”, que se iniciou ás 22:30 horas, prolongándose durante aproximadamente un cuarto de hora. A sala principal da biblioteca foi o lugar escollido onde os nove interpretes, todos alumnos da escola, interpretaron varias pezas acompañados por un numeroso público que os ía seguindo dun lugar a outro.

De seguido, a música trasladouse ata a Sala de Exposicións Municipal de Brión, onde tivo lugar un concerto “Moderato”, que comezou arredor da 23:00 horas. O seguinte espazo escénico foi, de novo, a Escola de Música. Todo rematou a media noite cun derradeiro concerto “Prestissimo” que tivo lugar no Salón de Actos do Centro Social Polivalente e no que participaron a orquestra e o coro da ESMU Magariños. Esta iniciativa organizada pola escola municipal de música Magariños contou coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

26 de maio de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.