Brión organiza unha excursión da terceira idade á Costa da Morte
O Concello de Brión organiza unha excursión da terceira idade á Costa da Morte, que vai celebrarse o vindeiro día 8 de xuño. Os destinatarios son veciños/as maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55 anos, podendo acompañalos os cónxuxes. O prezo por persoa é de 28 euros e as inscricións poderán tramitarse na Casa do Concello (981 88 70 06) ata o venres 30 de maio.
Os maiores sairán ás 8 da mañá de Brión nuns autobuses que os recollerán polas distintas parroquias (lugares que serán indicados no momento da inscrición). A primeira parada será Muxía, cunha visita á contorna do santuario da Virxe da Barca e á vila muxián. Posteriormente, a expedición fará un pequeno percorrido polo concello de Camariñas, onde visitarán Camelle e o faro de Cabo Vilán.
A media tarde os maiores xantarán no restaurante “A Lagoa”, de Vimianzo, onde disfrutarán tamén dun baile de sobremesa. A media tarde, e xa de camiño de volta a Brión, a expedición fará unha última parada en Dumbría, onde visitarán a fermosa fervenza do Ézaro, a única de Europa que cae sobre o mar.











