Un cento de persoas acompañan a Paco Casal na inauguración de “Recunchos de soños e realidades” en Brión
Preto de cen persoas acompañaron na noite de onte venres ao pintor Paco Casal e ao alcalde de Brión, Xosé Luís García, durante a inauguración da exposición “Recunchos de soños e realidades”. Unha mostra que reúne un total de 22 obras deste pintor, nado en Ferrol pero afincado en Aguiño (Ribeira), e que poderá ser visitada na sala municipal de exposicións de Brión ata o próximo 11 de abril.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, agradeceu a primeira visita de Paco Casal a Brión e volveu destacar “o importante foco cultural no que se converteu esta sala de exposicións, pola que mes tras mes pasan distintas exposicións que fan máis grande este pobo”. Un agradecemento que tamén amosou a todos os presentes Paco Casal, quen convidou aos veciños e veciñas de Brión a achegarse a descubrir a súa visión na natureza.
Pola súa banda, o técnico de Cultura de Brión, Alberte Álvarez, salientou da obra de Casal que “é unha exposición para gozar con todos os sentidos”, onde “destacan as paisaxes de natureza limpa, sen elementos arquitectónicos e que nos invitan a adentrarnos neles coa nosa imaxinación”. Álvarez destacou especialmente a mestría de Casal á hora de plasmar o mar: “é un mestre á hora de recoller o movemento do mar, unha xenialidade que fai que moitos coñezamos a Paco Casal como o pintor do mar”.











