A asociación “O Esquío no Piñeiro” convida a apadriñar unha árbore no parque municipal de Brión
A asociación cultural e medioambiental “O Esquío no Piñeiro”, en colaboración co Concello de Brión, organiza mañá sábado 14 de marzo, ás 17:00 horas, unha nova plantación de árbores no parque municipal de Pedrouzos, situado a carón do campo de fútbol municipal e da entrada/saída da autovía. Unha convocatoria aberta a todos os veciños e veciñas de Brión que desexen apadriñar un dos castiñeiros ou dos carballos que se plantarán este sábado.
Ademais da plantación, a asociación retirará algunhas árbores que secaron de anos anteriores e plantarán novas especies no seu lugar. Para participar nesta actividade basta con achegarse polo parque municipal de Pedrouzos mañá sábado, ás 17:00 horas, con útiles para realizar a plantación. Esta será a cuarta plantación de árbores que realiza “O Esquío no Piñeiro”.
Monicreques de Kukas
Unha hora e media despois, ás 18:30 horas, o auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá a representación de “Xan Perillán, compra queixo e compra pan”, o espectáculo co cal a compañía compostelán Monicreques de Kukas conmemora o seu 35 aniversario e que escolleu Brión para a súa presentación en sociedade. Trátase dun espectáculo que mestura o clown, a pantomima, a maxia e os monicreques, compaxinando o ocio e o divertimento coa educación no consumo responsable.











