O goberno de Brión aproba os seus Orzamentos para 2014, que ascenden a 4,8 millóns
O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá os seus Orzamentos Municipais para 2014, que ascenden a 4,8 millóns de euros, incrementan nun 20,8% a partida destinada a investimentos reais e reducen nun 33% o gasto en amortización de préstamos. Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e do PP, así como coa abstención do BNG.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explicou que os orzamentos municipais de Brión para 2014 “son os mellores que podemos presentar, dentro do sistema no que nos atopamos” e destacou especialmente que “é un orzamento digno e, sobre todo, social”. Uns orzamentos que ascenden a 4.837.790 euros, o que supón un incremento dun 8% con respecto ao exercicio anterior.
Investimentos
García destacou especialmente o aumento da partida destinada a investimentos reais, que medra nun 20,87% con respecto ao 2013. Unha partida na que máis do 65% dos investimentos está dirixido a arranxos e melloras nas pistas municipais das parroquias de Brión e a melloras na rede de saneamento e abastecemento de augas, aínda que o alcalde brionés adiantou que “posiblemente os últimos temporais van cambiar as ideas que tiñamos inicialmente xa que fixeron un dano tremendo”.
Nas contas aprobadas hoxe contémplanse máis de 56.000 euros para o mantemento de estradas en Brión de Arriba a Riazoas, Gronzo e Brión de Abaixo (Brión), Casaldoeiro (Bastavales), Moldes (Luaña) e Pousada (Viceso). Tamén se contemplan outros 39.000 euros para melloras e mantemento de camiños de titularidade municipal, que serán acometidos polas brigadas municipais de obras ao longo de todas as parroquias do municipio. Así mesmo, os orzamentos de 2014 tamén contemplan outros 48.000 euros para o mantemento de beirarrúas nas parroquias de Brión e Os Ánxeles.
Os orzamentos municipais para 2014 tamén inclúen máis de 30.000 euros para actuacións de saneamento e abastecemento de auga, entre as que se inclúen as acometidas eléctricas para os bombeos de Reboredo, Nináns e O Cabo; así como a ampliación da rede xeral e o saneamento de Quintáns (Brión). Ademais, destínanse máis de 22.000 euros para a reparación interior do pavillón polideportivo de Pedrouzos e outros 6.800 euros para melloras no interior do centro social polivalente. Canda estes grandes proxectos, os orzamentos municipais recollen outra trintena de actuacións de menor cantidade pero que redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Brión, como a reposición de novas luminarias públicas, a colocación de novas portas na escola unitaria dos Ánxeles ou a mellora da accesibilidade aos aseos da gardería infantil.
Gasto social e GES
Os orzamentos de 2013 non só manteñen as partidas destinadas a gasto social, senón que mesmo inclúen novidades con respecto a anos anteriores como o incremento da partida de Axudas de Emerxencia para poder sufragar o pago de medicamentos a pacientes crónicos que conten cun informe favorable dos Servizos Sociais, que serán os que determinen se esa persoa pode ou non facer fronte a eses gastos.
Así mesmo, os orzamentos municipais de Brión tamén recollen un importante incremento do 10,5% na súa partida de persoal con respecto ao 2013 e que se debe a que en 2013 procedeuse á contratación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que está integrado por 12 membros. Así mesmo, inclúen un incremento do 9,88% na partida de gasto corrente, debido tanto polo incremento dos prezos da electricidade e á posta en funcionamento de novos bombeos de saneamento. Pola contra, o alcalde brionés destacou a “importante diminución” das consignacións de pagos de intereses e gastos de préstamos, que descenden nun 33%
Ingresos
No que atinxe ao capítulo de ingresos, os orzamentos de 2014 recollen un incremento de 45.000 euros polas novas altas do IBI e polo aumento do parque de vehículos, especialmente. Tamén está previsto un lixeiro incremento de 8.000 euros nos ingresos procedentes do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, un dos capítulos que maior baixa experimentou nos exercicios anteriores.
As transferencias correntes increméntanse de xeito substancial, debido en gran parte ao financiamento que se percibe para o sostemento e mantemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Un incremento cifrado en máis de 300.000 euros, o que supón un 17% máis con respecto ao exercicio anterior. Finalmente, para o exercicio de 2014 non se prevé ningunha operación crediticia para financiar os investimentos incluídos nos orzamentos.
A voceira do PP, María del Mar Cobas Cajuso, xustificou o apoio do seu grupo aos orzamentos en que “non son os máis desexables, pero hai que ter en conta o momento no que estamos”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Peña Espiña, xustificou a súa abstención en que, aínda que os orzamentos conteñen moitos elementos positivos, “estamos ante uns orzamentos de trincheira, pois teñen que axustarse a unha normativa ríxida estatal que é usurpadora da autonomía local”.
Dimisión PP
O outro gran asunto da sesión foi a toma de coñecemento da dimisión de María del Mar Cobas Cajuso como concelleira do Partido Popular por motivos persoais. Unha dimisión que comunicou minutos antes da sesión e que se fixo efectiva antes da apertura da quenda de preguntas. O alcalde de Brión agradeceu “o traballo feito por María del Mar e todas as xestións que fixo a favor do Concello ante outras administracións”. Pola súa banda, Cobas Cajusto agradeceu o apoio amosado polos distintos membros do pleno pero indicou que “hai circunstancias imprevistas que obrigan a tomar decisións moi duras”.
Resto da Orde do Día
O resto da Orde do Día foi aprobada por unanimidade dos tres grupos municipais. Así se aprobou a liquidación do orzamento 2013, que recolle un remanente de Tesourería de 361.303, 26 euros e un resultado orzamentario axustado de 526.596 euros. Unhas contas que cumpren co principio de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto, segundo os informes de Intervención.
Así mesmo, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos de 30.596 euros para o abono de facturas correspondentes ao mes de decembro pero que chegaron ao Rexistro do Concello de Brión en xaneiro de 2014. Así mesmo, deuse conta do informe trimestral sobre cumprimento dos prazos previstos na lei 15/2010, de loita contra a morosidade, do cuarto trimestre de 2013. Un informe que conclúe que non existe ningunha obriga pendente de pago por parte do Concello de Brión. Ademais, deuse conta de que durante ese trimestre o Concello de Brión tamén cumpriu cos principios de estabilidade e da regra de gasto.
Administración electrónica
O Concello de Brión aprobou a creación da sede electrónica municipal (sede.concellodebrion.org) e a delegación da súa xestión na Deputación da Coruña, así como a ordenanza reguladora deste servizo. Unha iniciativa coa que o Concello de Brión pretende achegar a Administración aos veciños e veciñas a través de medios telemáticos.
A sede electrónica municipal estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuíta e permanente, dándolles acceso directo a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc.
Finalmente, o pleno municipal aprobou a derogación do regulamento dos procedementos de intervención administrativa nas actividades e servizos suxeitos a comunicación previa, declaración responsable e licenza de apertura e a nova ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e os seus prezos públicos, de acordo co marcado pola Xunta. Así mesmo, aprobouse a actualización do inventario de bens do Concello de Brión que, a data de 31-12-2013 ascende a 34.767.000 euros.
Mocións
Na quenda de mocións aprobáronse as dúas proposta do BNG. A primeira, aprobada por unanimidade, insta á Xunta a garantir o subministro de enerxía a persoas en situación de pobreza extrema. A segunda moción sobre o aborto, transaccionada co PSOE, insta á Xunta a pedirlle ao Goberno que siga coa Lei de 2010 e amosar o rexeitamento do Concello de Brión ao novo anteproxecto de lei, que “contén un retroceso de 30 ou 40 anos”, explicou Xesús Peña. A moción foi aprobada coa abstención do PP, que si destacou “a importancia de ofrecer información correcta en cada caso concreto”.











