O Concello de Brión abre a inscrición no Club Camaleón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición no Club Camaleón, un programa de animación á lectura dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos de idade, que participan na actividade acompañados dun adulto. Así, os segundos e cuartos venres de cada mes, de 18:00 a 19:00 horas, a biblioteca municipal de Brión acollerá diferentes e divertidas actividades para os pequenos: xogos, contacontos, obradoiros… todos co obxectivo de fomentar o hábito da lectura entre os nenos e nenas de Brión pois, como asegura o lema do club, “cando les, non hai cor”.

A cota de participación é de 10 euros por trimestre, o que supón pouco máis de euro e medio por sesión. O primeiro período de actividades estenderase durante os meses de marzo, abril e maio, sendo preciso un mínimo de 10 persoas para formar grupo. As anotacións poden realizarse ao longo de mes de febreiro, ben persoalmente ou por teléfono, na biblioteca municipal de Brión (981 50 99 69) ou na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08).

6 de febreiro de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.