Brión abre o prazo de inscrición no concurso de disfraces de Entroido con 2.200 euros en premios
O Concello de Brión abriu hoxe luns 17 de febreiro o prazo de inscrición no seu tradicional Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar o domingo 9 de marzo, ás 16:30 horas, no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. Un certame ao que o Concello de Brión destina este ano 2.200 euros en premios. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, concretamente entre as 15:00 e as 16:00 horas na Casa da Cultura.
Salvo no caso de choiva, todos os participantes no concurso de disfraces deberán participar previamente nun desfile de Entroido polas rúas de Pedrouzos que sairá ás 16:30 horas da Carballeira de Santa Minia e fará un percorrido ata o pavillón polideportivo, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces final amenizada pola orquestra Abanico. O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o propio lucimento do disfraz no escenario do pavillón polideportivo.
Premios
As bases do concurso establecen un total de catro categorías. Na primeira delas participarán nenos e nenas menores de 11 anos, que se repartirán tres premios de 50, 40 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na categoría xuvenil, de 12 a 17 anos, os premios serán de 55, 40 e 20 euros en material didáctico. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros.
Finalmente, na categoría xeral establécense tres modalidades de concurso: Grupos (de 3 a 9 persoas) con tres premios de 200, 150 e 100 euros; Comparsas (10 ou máis persoas) con galardóns de 300, 200 e 150 euros; e Carrozas, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. As bases do concurso poden consultarse e descargarse na web municipal www.concellodebrion.org.











