A Feira de Nadal de Brión pecha a programación especial cunha gran Festa de Reis, con contacontos, agasallos, sorteos e música
Brión celebrará a chegada dos Reis Magos por partida dobre: mañá sábado cunha gran festa de Reis para clausurar a Feira de Nadal no centro comercial Montebalado e o domingo cun gran festival de Reis con Belén vivente no polideportivo municipal de Pedrouzos. Ambas actividades son de acceso libre e de balde.
O sábado 4 de xaneiro, de 11:00 a 20:00 horas, a Feira de Nadal de Brión celebrará a derradeira das súas sesións especiais de Nadal, dirixidas a fomentar nestas datas as compras no comercio local. Para este sábado está prevista unha gran festa coa actuación de “A Requinta da Amaía”, da asociación cultural Follas Novas (Ames), ás 12:30 horas. Xa pola tarde, ás 18:00 horas haberá un contacontos de Nadal a cargo de Adrián, veciño de Brión, tras o cal haberá un reparto de agasallos de Reis entre todos os nenos e nenas presentes. Durante toda a xornada, pola Feira de Brión pasarán unha gran variedade de postos: alimentación, artesanía, segunda man… e sortearase un vale de 50 euros para gastar na Feira.
Festa de Reis
E para o domingo 5 de xaneiro, o Concello de Brión ten preparada unha gran festa de Reis Magos, que terá lugar a partir das 17:00 horas no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. Unha gran festa na que o Concello de Brión agarda a participación de entre 600 e 700 persoas.
A festa contará coa presenza da banda de música de Brión, que desfilará e tocará varias pezas para os presentes. Posteriormente, os Reis Magos farán a súa entrada no pavillón, onde serán recibidos pola corporación municipal presidida polo alcalde Xosé Luís García. Despois, todos os pequenos do municipio terán a oportunidade de falar con Melchor, Gaspar e Baltasar, lembrarlles as súas cartas coas peticións para esa noite e levar distintos agasallos e larpeiradas.
Como todos os anos, no pavillón tamén se instalará un Belén Vivente con distintos animais (vacas, burros, ovellas e cabras) traídos para a ocasión polos propios veciños e veciñas de Brión. Canda eles haberá tamén unha representación de artesáns e oficios tradicionais.











