A Escola Municipal de Música Magariños de Brión conmemora o seu décimo aniversario cun amplo programa de concertos
A Escola Municipal de Música Magariños de Brión celebra este ano o seu décimo aniversario cun amplo programa de concertos e actividades para este semestre que comezarán este venres 24 de xaneiro cun recital de guitarra española a cargo de Damián Cairo Touriño, compositor e profesor de música na escola brionesa. O recital terá lugar ás 20:30 horas na Aula 5 da propia escola e a asistencia é libre e de balde.
As seguintes citas serán os “Venres musicais”, unha nova iniciativa que estará protagonizada polos propios alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños, nas modalidades de piano e de guitarra. Os recitais terán lugar os venres 14 de febreiro e 18 de marzo, ás 20:30 horas, na sala municipal de exposicións do Concello de Brión. A entrada é libre e de balde.
Así mesmo, o 28 de febreiro está programado tamén o Concerto de Entroido. Nesta ocasión o escenario será o centro social polivalente de Pedrouzos xa que actuarán a gran maioría dos 180 alumnos e alumnas matriculados este curso. A cuarta edición do Concerto de Entroido terá lugar ás 18:30 horas. Finalmente, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños tamén participarán no IV Festival de Música de Cámara FECAM 2014, que terá lugar o venres 11 de abril, ás 20:30 horas, no salón de actos do centro social polivalente de Pedrouzos.
Décimo aniversario
A Escola Municipal de Música Magariños celebra este curso 2013-2014 o décimo aniversario da entrada en funcionamento do Plan Educativo de Ensinanzas Musicais (PEEM). “Dez anos de música e logrando paseniño a paseniño moitos avances na calidade educativa dun centro dedicado á formación musical cun carácter eminentemente público”, explica Carlos Pintor, director da escola.
No ano 2011, o centro acada o recoñecemento como Centro Oficial ao ser incluída dentro do rexistro de escolas de música e danza da Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade conta cunha matrícula anual de máis de 180 alumnos e alumnas nas distintas especialidades ofertadas, cunha formación dirixida a nenos que van dende os 3 anos de idade ata adultos sen límite de idade.
Ademais de incrementar o número de actuacións dos alumnos e alumnas da escola, para celebrar este décimo aniversario tamén se están levando a cabo importantes melloras no propio centro, como a incorporación da asignatura de “Orquestra infantil” no segundo ciclo da área de “Música e movemento”, destinada aos alumnos de 6 e 7 anos. “Esta nova incorporación ten coma obxectivo que os pequenos comecen a traballar cun instrumento e dentro dunha formación colectiva e grupal”, apunta Carlos Pintor.
A maiores incrementouse o tempo lectivo para os alumnos e alumnas a partir do segundo curso do Nivel III do Plan Educativo Xeral, para os que tamén se incorporou unha nova asignatura: “Harmonía e Análise Musical”. Cun itinerario de catro anos, esta asignatura intenta abarcar o traballo de comprensión musical tanto a nivel horizontal coma vertical. Todo elo incluíndo á análise de obras musicais dende diferentes aspectos estruturais, temáticos, harmónicos, etc.











