O pleno de Brión aproba 234.000 euros do POS 2014 a mantemento de beirarrúas e estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade a proposta ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 214), que no caso de Brión ascende a 234.187 euros. O Concello de Brión destinará o 40% do plan, un total de 93.646 euros, ao mantemento de beirarrúas e estradas no municipio; mentres que os outros 140.469 euros dedicaranse a gasto corrente, concretamente a sufragar os gastos nos servizos de alumeado público e recollida de lixo.

Os dous proxectos de obras aprobados hoxe inclúen o mantemento de beirarrúas nas parroquias de Brión e Os Ánxeles (37.105 euros) e mantemento de estradas de Brión de Arriba a Riazoas, Gronzo e Brión de Abaixo (Brión), Casaldoeiro (Bastavales), Moldes (Luaña) e Pousada (Viceso). Uns cartos que se investirán na consecución do material preciso, xa que os traballos serán executados pola brigada de obras do Concello de Brión.

Xuíz de paz

A unanimidade presidiu unha sesión na que todos os puntos foron aprobados cos votos a favor dos dous grupos municipais presentes (o BNG xustificou a súa ausencia). Nunha sesión na que non se presentaron mocións, o outro punto máis destacado do día foi o acordo para a elección do xuíz de paz titular e substituto do xulgado de paz de brión. Uns cargos que recaeron en Florentino Romero Covas e José Caramés Vázquez, respectivamente. O secretario municipal explicou que ao posto se presentaran outras 3 persoas máis, pero que a proposta da Alcaldía se decantara por Florentino Romero e José Caramés ante a constatación de que eran os únicos candidatos residentes en Brión (o cal facilitará o seu labor) e que tamén eran os únicos con experiencia previa.

Finalmente, o pleno aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 147,5 euros correspondente a unha factura por un servizo de lacería realizado en febreiro de 2012 pero que non se pasou ata 2013. Así mesmo, a Interventora municipal deu conta ao pleno de que o Concello de Brión está a cumprir coa estabilidade orzamentaria e co control do gasto.

18 de decembro de 2013 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.