publicidade hoxe

“Malpica. O mar de Sisargas” traslada o visitante á vila mariñeira da primeira metade do século XX

Presentación do proxecto

Presentación do proxecto

A secretaria xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, presentou esta mañá o proxecto de turismo experiencial financiado con fondos europeos GAC (Grupo de Acción Costeira) “Malpica. O mar de Sisargas” que recupera e pon en valor os recursos existentes na vila dun xeito sostible. Fíxoo no Centro Cívico Cultural de Malpica xunto ao alcalde do Concello, Eduardo J. Parga,o presidente e o xerente do GAC 3 Costa da Morte, Evaristo Lareo Viñas e Guillermo González Diez, respectivamente, e o director de execución do proxecto, Pedro Tasende, de Aporta Comunicación.

A iniciativa conta con dúas liñas de actuación principais baseadas na experiencia do usuario, co desenvolvemento dunha ferramenta TIC innovadora con contidos multimedia en tres idiomas de alto valor para o sector turístico e a creación dunha rede de dinamizadores que converte aos axentes locais nos auténticos embaixadores malpicáns.O proxecto contou cun presuposto de 44.000 euros e foi executado pola empresa Aporta Comunicación, experta en turismo e desenvolvemento sostible.

Información en realidade aumentada

Creouse unha ferramenta TIC propia canalizada a través do dominio malpica.mobi e do sistema iBeaken que con só un teléfono intelixente (Smartphone) permite acceder aos contidos xerados arredor desta iniciativa a modo de realidade aumentada. O sistema empregaa aplicación Layar, que analiza e detecta a información dispoñible ao redor do usuario do dispositivo móbil conectado a Internet. Esta recoñece a contorna e, enriba da imaxe que capta a cámara do teléfono, amosa máis información sobre o que se ve a través da rede. Trátase da aplicación gratuíta de lectura de realizade virtual máis empregada.

Esta información localízase ao longo da zona urbana de Malpica en forma de códigos QR xeolocalizados. Os usuarios podenescanealos co móbil para ampliar a información do lugar no que se atopen (en galego, castelán e inglés), como se estivesen acompañados dun guía.

Tres rutas

As rutas que percorren a zona urbana son Tras os pasos de Lugrís, que trae á memoria a estadía do artista en Malpica; O porto, enclave neurálxico dunha vila que naceu por e para o mar e na que o usuario poderá interpretar e coñecer mellor a actividade e as profesións do porto, que aglutina unha das flotas de pesca artesanal máis importantes de España. A terceira das rutas, chamada Balcón das Sisargas, percorre o paseo marítimo dende o Caldeirón ata Canido pasando por Area Maior.

Textos, vídeos,audios e fotografías compleméntanse con imaxes antigas recuperadas do Arquivo Fotográfico Municipal cedido polo historiador local Xurxo Alfeirán. Estas transportan ao visitante á Malpica da primeira metade do século XX, para contrastala co presente.

Nos tres camiños deseñados para internar ao visitante na esencia malpicá soa o eco dos pasos do pintor surrealista Urbano Lugrís. De feito, a súa obra inspira o logotipo da imaxe corporativa do proxecto turístico. Ao longo dos sendeiros están colocados 11 puntos de información QR e 4 paneis informativos que dan acceso a través do lema “Sinte Malpica” a textos, fotos, 5 audioguías e 4 vídeos, entre eles un spot viral que recibiu dende o mes de setembro preto de 2.500reproducións.

O proxecto en datos

Os contidos de cada un dos códigos QR recibiron máis de 2.000 visitas, sendo o máis popular o do panel situado no faladoiro da Casa do Pescador que informa sobre a actividade e a historia do porto. En cambio, a ruta informativa máis empregada foi o Balcón das Sisargas, que somerxe ao visitante nos antigos baños do Caldeirón, trasládao ás illas Sisargas, e o leva de romaría á ermida de santo Hadrián.

En canto ao material multimedia, os usuarios dos QR preferiron o sistema móbil para escoitar as audioguías, empregadas por máis de 400 persoas. O interese polos vídeos é maior a través da canle de YouTube e das redes sociais. Reproducíronse preto de 6.500 veces, principalmente dende España e Suiza.

Achegamento aos emigrantes

Co fin de achegarse a turistas, veciños e outros usuarios creáronse perfís nas redes sociais Facebook, eFlickr. A rede social de fotografía recibiu ó redor de 2.100 visitas.

O Facebook, conta con máis de 700 seguidores cun alcance de 66.000 persoas dende a súa creación a comezos do mes de agosto, unha media de 4.500 semanais. Esta ferramenta converteuse nun nexo de unión dos malpicáns emigrados coa terra da que proceden, xa que o 36% das persoas ás que chegan os contidos da páxina de Facebook de “Malpica. O mar de Sisargas” atópanse en Suiza, Uruguay, Venezuela e Arxentina, países que acollen emigrantes da zona da Costa da Morte e os seus descendentes.

Rede de dinamizadores

A segunda liña de actuación do proxecto foi a creación dunha marca conxunta con identidade propia que pon en valor o turismo gastronómico na vila. Os dezaseis locais implicadoslevan o distintivo “Rede de hostaleiros O mar de Sisargas”. Hoxe recibiron os diplomas que os acreditan como parte darede tras realizar un programa de formación que contou con docentes de primeira liña coma o cociñeiro EstrellaMichelín, Adrián Felípez, o presidente da Asociación de Profesionais de Marketing de Galicia, Xosé Luis Reza, expertos en calidade turística, consultores de comunicación, etc.

A “Rede de hostaleiros O mar de Sisargas” está formada polo Asador A la Brasa, osrestaurantes Pastoriza e San Francisco, a pizzaría Vagalume, a pensión residencia Bar Novo, a Cervexaría Océano, os establecementos de turismo rural Casa da Vasca e Casa da Sebe, os bares Cachón, Panchito e Submarino, o café bar Humboldt, as cafeterías JB, Santiago Apóstol, e as emprendedoras Carmen Pilar Rodríguez Couto e Matilde SousaDopazo. A involucración de todos eles foi sobresaínte e de feito xa desenvolveron algunhas accións conxuntas de dinamización da gastronomía da zona.

21 de decembro de 2013 | 22:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.