A presentación de “Nó-las dúas” contou con medio cento de persoas na sala de exposicións de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Inauguración da mostra

Inauguración da mostra

Máis de medio cento de persoas encheron a sala municipal de exposicións de Brión para asistiren á presentación da mostra “Nó-las dúas”, que mistura a  espontaneidade de María Manuela e a improvisación de María Xesús Díaz. Unha exposición de acuarelas e acrílicos que poderá visitarse en Brión ata o vindeiro 10 de xaneiro.

A mostra foi inaugurada polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen agradeceu a María Manuela e a María Xesús Díaz que “dúas grandes artistas moi vencelladas a Brión sigan dándolle vida coas súas obras a esta sala de exposicións”. Unha mostra que “mistura o colorido e a fantasía da pintura de dúas amigas moi queridas e que case consideramos dúas veciñas máis de Brión e que nos ofrecen unha mostra única”, explicou a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez.

As dúas artistas agradeceron e destacaron o apoio que o Concello de Brión ofrece á arte e aos artistas e convidaron aos veciños e veciñas do municipio a achegarse a contemplar esta mostra. “Non adoito falar sobre o meu traballo, é algo que prefiro deixar que faga o público”, explicou María Xesús Díaz. Pola súa banda, María Manuela foi aínda máis parca en palabras e, despois da quenda de agradecementos, explicou que “farei o que creo que mellor fago, que é cantar”.

Presentación de libro-CD

Así, a voz de María Manuela liderou unha actuación musical na que estivo acompañada por Nuria Lestegás (voz e violín), Manolo Dopico (voz e guitarra) e Xurxo Varela (viola). Un concerto que servíu tamén para presentar “A miña primeira Rosalía”, un libro-disco editado por Edicións Xerais no que se recolle unha antoloxía poética de Rosalía de Castro, unha pequena biografía e un CD con 12 cantigas baseadas nos seus poemas e interpretadas por María Manuela, Mini, Mero e Xiana Lastra.

“Nó-las dúas”

“Nó-las dúas” é unha selección de acuarelas e acrílicos que se complementan, unha xuntanza de amigas e artistas que ten como resultado unha mostra na que ambos estilos harmonizan á perfección e na que o visitante poderá contemplar unha selección de pezas elaboradas expresamente para esta exposición en Brión. Un Brión que supuxo para elas un punto de encontro, xa que teñen coincidido en máis dunha ocasión nos Encontros coa Arte, que cada verán organiza o Concello brionés e que lles serviron para intercambiar experiencias e coñecementos artísticos.

María Manuela é unha cantante e pintora ferrolá. Como cantante ten publicado máis dunha ducia de discos tanto en solitario como en dúo co seu esposo, ata a súa morte en 1998. Como pintora  ten tamén unha longa carreira de creación colorista e expresionista, cunha preferencia pola pintura ao óleo e ao debuxo. Membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, ten exposto en numerosas salas de exposición de Galicia, España e Europa.

Pola súa banda, a coruñesa María Xesús Díaz ten tamén unha longa traxectoria pictórica. Tras unha primeira época de tendencias naif e colores vivos durante os anos noventa, María Xesús Díaz foise adentrando nunha nova paisaxe realista con tintes impresionistas coas que ten realizado múltiples exposicións por Galicia. Coa chegada do novo século, a artista dá o salto fóra de Galicia cunha obra onde a cor prevalece máis sobre o debuxo e onde o impresionismo se fai cada vez máis patente.

14 de decembro de 2013 | 22:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.