Unha vintena de maiores asiste a unha charla sobre prevención de roubos e estafas en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Unha vintena de maiores de Brión participou esta mañá nunha charla sobre prevención e roubos e estafas, celebrada no centro social polivalente de Brión e impartida polo axente Fernando Ríos, da Garda Civil do Milladoiro (Ames). Unha charla moi participativa e produtiva para os maiores brioneses, como proba o feito de que se desenvolvera ao longo de dúas horas cando inicialmente estaba programada para unha hora.

Fernando Ríos comezou a súa intervención plantexando unha serie de consellos xerais para os maiores no caso de atoparse diante dunha situación conflitiva: non facer fronte ao asaltante, buscar testemuñas, fixarse nos detalles… e lembroulles os teléfonos de contacto tanto da Garda Civil (062) como o da Policía Nacional (091). Así mesmo, explicoulles algúns timos e estafas que se están a producir na actualidade e deulles consellos para evitar situacións de risco como non abrir a porta da casa a descoñecidos, camiñar pola parte interior da beirarrúa co bolso do lado da parede ou desconfiar dos servizos técnicos que non fosen solicitados polo maior ou pola súa familia.

Acto seguido, os maiores de Brión tomaron a palabra tanto para facer preguntas como para expoñer casos persoais e analizar se actuaron correctamente e, en caso contrario, coñecer o que deberían ter feito. Moitos deles coincidiron en sinalar que cada vez son máis as veces nas que descoñecidos chegan ás súas portas e tentan entrar na vivenda coas argumentacións máis peregrinas: recollida de sinaturas que precisan comprobación do DNI, persoas que perderon o móbil e precisan de entrar a chamar…

Ademais, moitos deles destacaron o feito de que esta charla serviulles de achegamento á realidade da Garda Civil, pois non foron poucos os que recoñeceron que era a primeira vez que falaban cun Garda Civil xa que os tiñan como sancionadores e non como corpos de seguridade ao servizo do cidadán.

A iniciativa repetirase tamén este xoves 28 de novembro, de 16.30 a 17:30 horas, no centro social polivalente para que poidan participar tamén os maiores que participan nas actividades de tarde. A entrada é libre e de balde.

26 de novembro de 2013 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.