publicidade hoxe

Sober aproba un regulamento para a xestión do servizo de recollida de residuos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober aprobará no Pleno desta tarde un regulamento de xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos co que pretende fomentar actitudes encamiñadas á redución, reutilización e reciclaxe dos refugallos. A xestión dos residuos comprende as operacións de prerrecollida, recollida selectiva, almacenamento, transporte, tratamento e eliminación, así como as operacións precisas para a súa reutilización, a súa recuperación ou a súa reciclaxe.

O regulamento recolle que no caso dos residuos xerados nos domicilios particulares o Concello de Sober poderá, por motivos xustificados, obrigar aos seus produtores a xestionalos por si mesmos. De acordo co novo regulamento o Concello de Sober promoverá a colaboración cidadá para a óptima separación en orixe e recollida selectiva de residuos urbanos mediante campañas informativas e divulgativas, dirixidas tanto á poboación en xeral como a axentes sociais representativos.

Prohíbese expresamente:

-Abandonar, depositar, verter ou eliminar residuos na vía pública, marxes dos ríos, estradas ou camiños e soares públicos ou privados, de forma incontrolada e con incumprimento das normas previstas no regulamento.

-Situar vehículos ou outros elementos diante dos colectores situados na vía pública ou de forma que se impida a súa recollida polos operarios do servizo de recollida.

-Mover ou trasladar os colectores do seu emprazamento e manipular os elementos de suxeición dos mesmos.

-Manipular os residuos despois de que foran depositados nos colectores ou na vía pública nas modalidades de recollida que se realicen directamente sobre ela (recollida de voluminosos, porta a porta, cartón comercial, etc..).

-Incinerar residuos en todo o territorio municipal ca excepción daquelas instalacións ou eventos autorizados.

-Compactar residuos, a excepción da fracción de papel-cartón.

-Abandonar ou depositar cadáveres ou restos de animais na vía pública, soares e calquera clase de terreo público ou privado.

-Depositar cadáveres de animais nos colectores de residuos ou nos de obras, e nas súas proximidades, así como nas papeleiras.

Tipos de contedores

O Goberno local establece catro tipos de colectores na vía pública para a recollida dos residuos: contedor verde para o depósito da fracción resto; contedor amarelo para a fracción selectiva en envases lixeiros (bolsa amarela); contedor azul para o papel cartón; e contedor verde para o vidro. A fracción resto e a selectiva deben ir en bolsas de plástico, debidamente pechadas e consistentes. O papel cartón e o vidro deben depositarse unitariamente e sen bolsa no colectores apropiados. O papel cartón depositarase pregado ou dobrado e os envases de vidro baleiros e sen tapas.

O regulamento tamén precisa que os produtores con colector propio deben dar parte ao Concello para a súa incorporación ás rutas de recollida e serán responsables do seu estado de limpeza e mantemento, así como da súa correcta situación, podendo esixir o Concello a súa reparación ou reposición cando entorpezan as labores do persoal do servizo.

Será competencia da concesionaria do servizo ou do Goberno local o lavar, desincrustar e desinfectar periodicamente os colectores de uso colectivo, co fin de eliminar a sucidade das estruturas e os malos olores. Procederase tamén, regularmente, á eliminación da publicidade e pintadas. Nos casos do fin da vida útil dos colectores ou desaparición, falta ou deterioración grave dalgún dos elementos tales como rodas, tapas ou suxeicións, estes serán repostos ca maior brevidade posible.

As normas de uso dos colectores recollen a obrigatoriedade de utilizar os colectores máis próximos ao lugar de produción. Se un colector se atopase cheo, os residuos depositaranse no colector máis próximo para idéntica fracción de residuos, evitando os desbordamentos e o depósito de residuos no chan. Deberase pechar a tapa do colector despois de depositar os residuos; nunca se deberá deixar aberta, evitando así a dispersión de residuos e a entrada de auga ou animais.

Recoméndase depositar as fracción resto e selectiva entre as 20:00 e 24:00 horas, o día anterior ao de recollida. No caso do papel cartón e o vidro poderán depositarse a calquera hora do día nos colectores específicos dispostos na vía pública para este fin.

Xestión dos voluminosos

Para desprenderse de residuos voluminosos pódese facer uso do punto limpo nos horarios de atención ao público ou contactar co servizo especial de recollida. O depósito destes residuos en vía pública sen comunicación previa ao teléfono do Concello será considerado como falta grave. De contar co permiso oportuno, o usuario do servizo colocará os residuos sobre a beirarrúa, ao lado dos colectores domiciliarios colectivos máis próximos e nos horarios e días acordados co servizo de atención telefónica municipal, para que poidan ser retirados pola empresa concesionaria.

Réxime sancionador

Constitúen infraccións moi graves:

1) a reincidencia na comisión de tres faltas graves no período de dous anos;

2) a realización de actividades de recollida, transporte, aproveitamento ou depósito de lixos sen autorización ou licenza;

3) a obstrución ou impedimento ao labor inspector do Concello; e

4) o vertido de lixos e refugallos en lugares non autorizados.

Constitúen infraccións graves:

1) a reincidencia na comisión de tres faltas leves no período de dous anos;

2) a realización de actos de manipulación ou deterioración do equipamento de recollida de lixo;

3) a realización, sen permiso do Concello de actos de propaganda mediante repartimento ou lanzamento de carteis ou folletos en vías e espazos públicos;

4) o incumprimento das normas sobre depósito e retirada de cascallos nas vías públicas;

5) a colocación de carteis e a realización de inscricións e pintadas en lugares non permitidos; e

6) o abandono de mobles, animais mortos ou automóbiles nas vías ou nos espazos públicos.

Constitúe infracción leve calquera outro incumprimento das disposicións deste regulamento que non estea cualificado como moi grave ou grave. As sancións irán desde os 30 aos 100 euros para as faltas leves, dos 101 aos 300 euros no caso de infraccións graves e de 301 a 600 euros para aquelas infraccións consideradas moi graves.

28 de novembro de 2013 | 11:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.