Brión saca a licitación o servizo de limpeza e mantemento de contedores soterrados
O Concello de Brión saca a licitación o servizo de mantemento e limpeza de contedores soterrados existentes en municipio, concretamente en Pedrouzos e Monte Balado. Un contrato por dous anos, prorrogables por dous máis ata un máximo de 4 anos, e por un importe de 5.132 euros. As propostas poderanse presentar no Rexistro Xeral do Concello de Brión, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres (e sábados de 10 a 12,30 horas) durante os próximos 10 días naturais, logo da súa publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
Este contrato ten como obxecto realizar un mantemento integral, tanto preventivo como correctivo, dos contenedores soterrados instalados na avenida de Santa Minia (xunto á Casa do Concello) e en Monte Balado para así conseguir un funcionamento correcto, continuado e eficaz destas instalacións. Na actualidade, os contedores soterrados non están operativos e tiveron que ser substituídos por contedores en superficie.
Coa licitación deste contrato, o Concello de Brión pretende que os contedores soterrados estean sempre operativos, nunhas boas condicións de hixiene e mantemento, e que se resolva con eficacia e rapidez calquera avaría ou desperfecto que se poidan producir. Así, a empresa adxudicataria terá que realizar revisións trimestrais destas instalacións e atender os avisos de avarías por parte do Concello de Brión no prazo máximo de 24 horas.











