O servizo de viarios de Ferrol actuou en 38 indicacións viarias e sinalizou 3.400 metros lineais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou sobre o balance das actuacións de pintado e sinalización acometidas entre o 20 e o 26 de setembro nos barrios de Recimil, Ensanche A, A Magdalena e Caranza. Este plan de integral conta cun investimento de 300.000 euros no presente exercicio e foi posto en marcha, ao abeiro do Plan de Barrios que está a levar a cabo o Goberno Municipal que dirixe Jose Manuel Rey Varela.

Os operarios de Tragsa, empresa que se ocupa desta nova prestación municipal, pintaron entre o período de tempo anteriormente citado un total de 3.421,36 metros lineais, dos que 2.729,8 atenden ao trazado de liñas continuas e descontinuas e o restante  a traballos de pintado de diferentes sinais viarias horizontais. Así mesmo, os traballadores de Tragsa repasaron case 40 indicacións viarias que corresponden con: 12 pasos de peóns, 12 prazas de aparcamento para minusválidos, 7 frechas de dirección, 4 cedas ao paso e 3 símbolos de autobús; ademais, foron colocados 10 paneis de “precaución zona escolar” nas proximidades dos centros educativos da cidade e 4 sinais verticais. De maneira máis concreta e ordenados por barrios, os traballos foron acometidos nas seguintes rúas.

– Recimil: avenida de Castela, rúa Mugardos e rúa Pontedeume.

– Ensanche A: Avenida de Castela.

– A Magdalena: rúa Irmandiños.

– Caranza: avenida do Mar e rúa Pardo Bazán.

Entre o 20 e o 26 de setembro, un total de dous equipos ocupáronse dos traballos de sinalización viaria, con tres operarios cada un. Así, un dos equipos estivo dedicado ao pintado e o outro encargouse da colocación de sinais verticais.

Previsións de traballo

A empresa que ten encomendado o servizo municipal, Tragsa S.A., informou tamén que continuarán os traballos de renovación de sinais verticais durante a vindeira semana, con especial atención ás proximidades dos centros escolares. Ademais, os operarios do servizo seguirán con actuacións de pintado de viarios nos barrios de A Magdalena, Recimil e na parroquia de Serantes e tamén trazarán as prazas de aparcamento para minusválidos que faltan.

30 de setembro de 2013 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.